Roberto

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CARLOS CANEIRO | O |

01 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

DETEÑO o tempo algunhas veces. Sucede sempre a principios de novembro: días despois de que a Administración ordene cambiar a hora. Para levar a contraria decido manter as agullas da vida no mesmo lugar, ou sexa, inmóbiles. Contemplar as cores da outonía, que a este país chegan sempre envoltas en gris. As cores do outono teñen a tristeza das mariscadoras de Nós: que están cansas de pelexar contra inimigos invencibles, inesperados, Prestiges e cinzas. Cansas, pero vivas. Altivas e fortalecidas, sobrias, inabarcables. Elas, máis que eles, sempre acaban vencendo aos Prestiges e ás cinzas. Os seus dedos son os dedos da miña alma. Resisten, e non se resignan. Unha delas faloume hai anos e dixo que de nada vale mirar atrás, aínda que atrás están todas as causas da nosa vida. Atrás están os inimigos, pero está tamén a amizade que nos fai mellores. Atrás queda a desidia, pero está tamén a dignidade dos que sosteñen as utopías e reclaman igualdade, xustiza, oportunidades, prosperidade, progreso (esas palabras). Un destes días saíu na prensa un deses seres imprescindibles. Galego de Ourense. Humanista e fillo dun humanista, bo e xeneroso, que exerce de médico. Secuestrárono e dixo que non xustificaba pero que entendía aos seus secuestradores. A xente como Roberto Vila fai grande ao ser humano. Fainos grandes a Nós, galegos. Despois do secuestro volveu ao seu traballo: a entregar, a entregarse. Esa é a portada que en Madrid obvian. Para eles seguimos sendo cinza, Prestige , incendios, oubiñas. Pero somos tamén as mariscadoras que sobreviven ao infortunio e somos, con orgullo, os ollos do cooperante galego. Os meus brazos e abrazos van contigo, irmán. Na liña de Gaza, parado o tempo, están chovendo as estrelas mudas de Auria. Son bicos. Para ti, Roberto.