Unha de inmobiliarias

| MARÍA CANOSA |

OPINIÓN

UNHA amiga invitoume a pasar un par de días no seu apartamento de verán. Logo de escoitarlle todas as vantaxes do mesmo, decidín vivir a experiencia: fácil de limpar, xeitoso para decorar, acolledor, xustificación para a non invitación masiva de amigos... Só che permite vivir entre o realmente importante, porque non hai sitio para o superfluo... Pola mañá descubrín que, ao abrir a neveira na cociña americana, invadíase de olor a zorza todo o apartamento ao instante, animando así a desprenderte das sabas. Aquilo era realmente un choio. ¡Había que facer algo! ¿Para que esperar máis a utilizar a conta aforro-vivenda? Na procura de algo semellante percorrín as inmobiliarias da zona na que nacín, por aquilo de non cortar raíces tan pronto e, ao ser nunha zona considerada como rural, tamén me axudaría co prezo. Entrei decidida e comecei o negocio coa rapaza que estaba sentada detrás da mesa do centro da oficina. ¿Características? Dous dormitorios, cociña americana e un baño. ¿Praza de garaxe? Pois si. ¿Con vistas ao mar? Tamén. Non tivo que facer ningunha conta. Dixo tranquila e directamente: vinte e sete millóns de pesetas. Xa me dixo o prezo en pesetas para que eu non perdese tempo en facer a conversión dos euros. Non fora que se tardaba en trocar de unidade xa me subira medio millón máis o prezo, ou sexa, tres mil euros. ¿E sen praza de garaxe? Porque o coche tamén pode durmir fóra. ¿E sen vistas ao mar? Porque é de noite cando máis o vou utilizar, e daquela xa non se ve nada. Vinte e catro millóns. ¿E logo dunha habitación, sen garaxe e sen vistas ao mar? Vinte millóns, pero xa non quedan. Estou segura de que foi a ministra Trujillo quen lles fixo publicidade. Poucos números podía facer. Só me quedaba un último intento. Mira, díxenlle á que me atendía, ¿e logo non me venderías a caseta de información?