Dimita, Aragonés

OPINIÓN

04 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

NON É FÁCIL pedir unha dimisión. Non resulta asunto baladí escribir unha columna co único propósito de que renuncie un adestrador balompédico que amagou varias veces con irse (pero non). Luís Aragonés non gusta: por incoherente. Non gana: porque peca de «sabio». É un adestrador á medida dunha Federación malpresidida. Pronuncia as palabras que todos queren escoitar. Deixa a Raúl agora, cando Raúl tiña que estar fóra da selección antes do Mundial. Levou a Pernía porque se lesionou Del Horno e, por riba, deixou na casa a Morientes porque Morientes non marca, e Fernando Torres si (prego contemplen a clasificación dos goleadores dos últimos anos). Aragonés tiña que dimitir, pero ser seleccionador resulta sempre grato: pouco traballo e dádivas suficientes. Este sábado toca de novo selección, ou sexa, que non hai fútbol. A escadra salvadora das nosas paixóns, o timo de la estampita , regresa ás nosas pantallas. Non veremos a Ronaldinho, Reyes, Diarra, Agüero, Yeste... veremos a Luís Aragonés ao mando dun equipo fracasado e que, pese ao fracaso, continúa (o mesmo equipo) en liza para disputar o campionato de Europa. Non soporto os partidos da selección. Non soporto o malfútbol tipo Clemente, que era mellor que Luís. E quero que xoguen en vacacións, o día de fin de ano, cando non molesten demasiado. Outra fin de semana sen fútbol. Velaquí a única verdade deste país. Xoga España e millóns de transeúntes, todos aqueles que amamos o fútbol, non teremos de qué falar. Os comentaristas da radio/televisión estarán mudos contemplando o sinistro espectáculo. A por ellos, oé, a por ellos, oé. Non hai nada que defina España mellor que a súa selección balompédica. Qué triste, qué ignominia, qué levedade. Qué aburrido. Dimita vostede. Para sempre, Aragonés.