XOSÉ CARLOS CANEIRO
27 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.DIXO o vicepresidente Quintana, con motivo da morte dun neno de dous anos malnutrido, que «non funcionou a sociedade, que somos todos». A sociedade funciona mal, señor vicepresidente. Quero subscribir e alzar as súas palabras este xoves marrón, de outono, tan melancólico como un blues triste en Ponteareas. Non funciona a sociedade: esta que move os nosos entusiasmos, soños, arelas, certezas, desánimos e ambicións. Non funciona. Teño dito que o rostro dun país é o rostro dos seus cativos. Nós somos tamén o que perdemos: somos un neno de dous anos morto de fame no país da opulencia. Somos a súa pel malnutrida (qué palabra tan fea), somos a hipocrisía de querer e non poder, de quedarnos sempre en disputas estériles. O que importa son as pequenas cousas: un prato de arroz, leite, caricias, vida. Non os grandes investimentos. Sabe vostede, señor vicepresidente, que cambiaríamos todo pola vida dese neno de dous anos. O AVE, o verme da Cidade da Cultura, o progreso que sempre agardamos e sempre tarda en chegar. Cambiaríamos todo por non ver esa noticia escrita na fronte deste país, que resiste, e loita permanentemente contra o infortunio. Estas cousas non deben pasar, pero pasan. E sobrepasan. Sucede que un cre no Estado do benestar pero sabe que hai un estado de malestar que o subleva, que me pon coraxe na pel, que me encrespa co mundo. E pido que pare. E quero baixar. E quedarme mudo. E non volver escribir columnas como esta. Porque hai columnas que nos definen. Igual que nos define todo o que perdemos: o amor, a luz do amor, a vida. Só tiña dous anos, maldita sexa. E morreu de fame neste país rico que discute con vehemencia o 13% que soben, ou non soben, os presupostos. Non funcionamos, todos, señor vicepresidente. El só tiña dous anos.