A ASOCIACIÓN Internacional de Estudos Galegos (AIEG) reuniuse desta vez na cidade de Salvador de Baía para reflexionar sobre algunhas cuestións propias da cultura galega e, sobre todo, sobre a súa proxección exterior. Existimos na medida en que nos reafirmamos social e culturalmente sobre nós mesmos, construíndo un imaxinario común que nos identifica, mais tamén na medida en que nos recoñecen os demais, para o cal precisamos dun discurso aberto, renovado, atractivo, competitivo e moderno. Disto e dalgunhas outras cousas falamos na cidade de Salvador, acollidos á hospitalidade da Universidade Federal e con asistencia de máis dun cento de persoas, todas elas comprometidas co estudo da cultura galega e procedentes de Latinoamérica, EE.UU., Gran Bretaña, Italia, Francia, Países Baixos, Alemania, etcétera, ademais de universidades do Estado español (Cataluña principalmente), Brasil e a propia Galicia. Arredor de medio cento de universidades de todo o mundo dispoñen na actualidade de lectorados, departamentos ou ofertas de estudos de lingua e cultura galegas. Presentáronse basicamente dúas cuestións. Unha primeira sobre a significación dos estudos galegos en canto que tales. Cando se creou a asociación, no ano 1985 nos Estados Unidos, a orientación básica foi máis ben de carácter filolóxico e, nun segundo plano, literario. Hoxe cómpre ir máis alá. Seica nesta liña de traballo todos concordan. A cultura é bastante máis cá lingua, aínda que a lingua teña unha importancia grande. Cultura é tamén economía, memoria histórica, territorio, demografía, música, cine, gastronomía, arte, empresa, comunicación... O que hoxe entendemos por cultura (mesmo por identidade cultural) é o diálogo que o corpo social, na súa pluralidade de intereses e de perspectivas, establece coa vida e co seu contorno, consciente do seu pasado (consciencia crítica) mais, moi principalmente, pensando no seu futuro. Non hai cultura, nin país, sen ilusión e sen proxecto de futuro. Superar e enriquecer a perspectiva exclusivamente filolóxica, abríndose a outros eidos do coñecemento, foi unha preocupación unánime e mesmo un compromiso para os novos tempos. A segunda cuestión, que acaso mereza ser tratada máis de vagar noutros artigos, é a necesaria proxección da cultura galega cara ao exterior, para o cal cómpre desenvolver un discurso (un produto) atractivo e que interese alén do noso estrito e ás veces castigado de máis espazo doméstico. Para proxectalo dispoñemos, como poucos pobos dispoñen, dunha importante rede de relacións exteriores que deberiamos saber administrar: case 150 sociedades galegas no exterior, en Europa e América sobre todo, que configuran unha magnífica e non sempre ben xestionada Internet de emocións, información, imaxinario común e intereses. Traballar nesa dirección, sen sectarismos, sen endogamias, sen localismos estériles, constitúe un investimento estratéxico que non deberiamos ignorar. A AIEG é unha ferramenta máis. Non a única, por suposto.