Unha de luras

OPINIÓN

AS IMAXES amosan claramente a un home golpeando ao seu can, que en ningún momento intenta agredilo porque é o seu amo. Foi denunciado polo veciño veterinario anos despois. Resulta estraño que un veterinario non denunciase o feito dun maltrato a un animal polo propio feito, e só o fixera unha vez que o dono lle xogou unha mala pasada. Realmente hai animais que están completamente indefensos, pero hai outros moi protexidos. É o caso dos gatiños que naceron preto da miña casa. Agora que comezou o curso escolar, ao remate das clases, os nenos xúntanse na porta do colexio e van visitar aos gatos. Lévanlle caixas de cartón, mantiñas e papeis de xornais para protexelos; e desde as súas casas transportan leite en vasos para alimentalos. Xogan con eles, e discuten por ver quén lles ofrece o mellor fogar. Din que os animaliños son de todos, e que os van coidar xuntos. Os gatos déixanse mimar só polos nenos, dos grandes liscan. A xente adoitaba non achegarse aos cans, e agora son os animais os que foxen das persoas. Ata as choupas escapan! -Unha de luras, por favor -óese nun restaurante-. -Non hai. Este ano aínda non «entraron» as luras na ría. Nin creo que cheguen, porque meu pai, que ás veces vai pescar, di que están asustadas. E ten razón. Este verán as avionetas amarelas e vermellas sobrevoaron as praias decenas de veces. Achegábanse ao mar nun espectáculo sen igual para recoller auga e apagar o lume dos incendios. Facían viaxes do mar á terra desde que abría a alba ata que pechaba o serán. Incesantes e incansables nunha loita desigual. E alá van as luras, viaxando en avioneta. O exército das luras presentouse como voluntario para loitar contra os incendios. Quedou frixido ao completo na batalla contra as lapas. Quen dixo que foi do lume! Os nosos montes están negros de tanta tinta.