A MIÑA xeración é a xeración do tren. Tamén doutras cousas. Pero moi especialmente do tren. Sentabámonos a carón das vías e deixabamos correr o tempo vendo pasar os comboios: o Correo de Madrid, o Rápido (que non sabiamos exactamente de onde viña nin cara a onde ía, pero que nos impresionaba moito polo que suxería o tal nome, comparado cos outros), o Expreso, os interminables Mercancías, o que daquela chamabamos o Portugués, que tiña uns vagóns metálicos moi brillantes, pero que disque botaban logo unha chea de tempo no apeadeiro de Guillarei, agardando o empalme coa liña de Porto¿ O meu amigo Fito, que era fillo de ferroviario, sabía todos os horarios dos trens. Poñiámonos nas vías, co reloxo na man e ¡tau! axiña chegaba a hora, o noso amigo facía un aceno e sentíase pola Caeira o asubío da máquina, anunciando a entrada na ponte da Barca, coa cabeleira branca de fume a rebulir por entre os piñeiros. Tiñan sona de non cumprir nunca os horarios (os trens), pero na miña memoria da infancia a aparición das locomotoras está asociada á puntualidade: unha puntualidade case matemática, científica, perfecta: a puntualidade do reloxo do meu amigo Fito. Entenda o lector a ironía deste meu artigo de hoxe. Leo o libro do profesor Xosé Carlos Fernández Díaz ( El ferrocarril en Galicia ), os informes que vén publicando La Voz sobre as nosas infraestruturas ferroviarias, as respostas ou comentarios dos nosos políticos, perfectamente intercambiables, segundo estean no Goberno ou na oposición, e, metidos de capitón no século XXI, non podo máis que entregarme ao consolo da literatura: a memoria da infancia, saudades do paraíso, coma quen, que altera e alivia a experiencia. A maioría dos servizos que Renfe ofrece nestes momentos aos galegos seica seguen o mesmo modelo ou fundaméntanse na mesma estrutura de hai 40 anos, 15 menos dos que agora teño. E non hai trazas. Curros Enríquez exemplifica a chegada do progreso a Galicia coa entrada da primeira locomotora na estación de Ourense (1881): ¡a Nosa Señora de Ferro! Algo choveu dende aquela. Rafael Dieste escribiu un conto precioso, O vello que quería ver o tren (1926), que é a máis fermosa das metáforas que coñezo para explicar a transición entre dous mundos: a Galicia tradicional e a moderna, na imaxe do picariño de aldea que albisca abraiado, no apeadeiro da montaña, o rostro fugaz dunha señoriña fermosa, semioculto por un veo de encaixe, a través da xanela do comboio. ¿Cando, onde e por que se nos parou o tempo nesta cuestión? Entre Milán e Nápoles, pola orograficamente complicada dorsal andina, con saídas cara a Venecia, Pisa, Ancona ou Rímini, durante as 24 horas do día, ¡corre un tren cada vinte minutos!