Lapas

| MIGUEL-ANXO MURADO |

OPINIÓN

DESDE nenos levamos visto representar a alma en forma de lapa, unha gran lapa que arde nun corazón (con esa forma que só teñen nos naipes) ou como unha pequena lapa, en cambio, non maior da dun camping-gas, situada sobre a cabeza dun santo ou unha santa. É normal que aos artistas se lles ocorrese representar así a alma humana. Igual que o lume, a alma estaría, pero non ocuparía lugar. Igual que o lume, a alma é creadora e destructora á vez, boa e mala, beneficiosa e terrible. Os antropólogos van aínda máis lonxe e declaran con solemnidade que a civilización empezou cando un tipo provocou o primeiro incendio forestal intencionado. Ata ese punto nos indentificamos co lume, a única cousa que, segundo os gregos, lles demos roubado aos deuses. A árbore, en cambio, é o contrario do lume. Mentres que o lume é veloz e impaciente, a árbore é lentísima. Neste mundo cada cousa ten o seu propio tempo, como di o Eclesiastés , pero non porque «haxa unha cousa para cada momento», senón precisamente porque «hai un momento para cada cousa». O tempo das pedras, para as que transcorre un segundo cada millón de anos, é diferente do tempo do can que cumpre os anos de sete en sete; e é diferente tamén ao do mosquito para o que a vida raramente dura unha semana. De todos os seres vivos, o que ten un tempo máis longo é a árbore, por iso para nós, con horario tirando a breve (algo intermedio entre o mosquito e o elefante), a árbore sempre estaba aí antes; e isto é así por moi pronto que un teña nacido. Ninguén viu nunca medrar unha árbore de todo, como se pode ver medrar un neno, e de aí, entre outras cousas, o misterio que nos inspiran estes seres. Botei un cálculo onte e dinme conta de que cando volvan as árbores que se foron este verán xa non estarei vivo para velo. Quen as queimou non só nos privou de algo na maneira do que rouba, que se leva unha cousa que se pode recuperar ou comprar outra vez na tenda de electrodomésticos. Non, privounos de algo como o que mata: para sempre. Porque é certo que estas árbores volverán, pero nin serán as mesmas árbores nin nós seremos nós. É posible que nin sequera volvan, e o seu lugar o ocupe unha urbanización. Ou unha desas estacións eólicas que de lonxe parecen un calvario de cruces.