«Casablanca»

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CARLOS CANEIRO

30 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

HOXE espertei con agosto intentando asasinarme. Tiven que pelexar con el para librarme das súas navallas, gritar, pedir auxilio e, despois de sufrir a súa ira, saír correndo á procura de setembro: o París de Casablanca. Setembro é mañá. Tan cercano. Eu marchei de agosto con ganas de partirlle a agosto a alma. Plantarme con el cara a cara e cantarlle as corenta (eu, que nunca levo rei). Dicirlle que escusaba queimar o meu país, nin amosarme que o meu tren é o peor tren do Estado, que non acabamos de crecer e que estamos condenados, como Peter Pan, a ser ananos correndo a ningunha parte. Día tras día. Eses que pasan. Hoxe mesmo, prometo, métome na pel de setembro e despido agosto. Creo que vou recitarlle un orixinal poema: Sen ti a noite está estrelada e tremen azuis, os astros, ao lonxe. Dicirlle, como Proust, que só podemos amar o que non existe. Que a política patria merece outros protagonistas, menos aznarianos e menos felipistas. Que Galicia non ten un ministro Clos que tire da nosa industria. Gritar que queremos futuro. Que o pobo vai sempre por diante das institucións, tan escravas da corrección e os seus ditados. Hoxe espertei con agosto intentando asasinarme. E quixen poñer no rostro de agosto este bico que lle debo. Para sempre. Para que saibas, agosto, que pese a todo nunca hei de esquecer os teus abrazos: a Galicia luminosa que pretenden ocultar. Non esquecerei a ilusión do inverno, cando esperaba por ti. Aloumiñando os días, as noites, os soños que soñamos. Hoxe, agosto, despido as túas caricias e as túas uñas. Sen rancor. Nervioso: por tanto monte queimado, o tren que non leva a ningunha parte, eles, elas, os protagonistas deste teatro. Bye bye, agosto. Vai, agosto. Sempre nos quedará setembro, como París. En Casablanca...