Despois do lume

| X. L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

13 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

DESPOIS da marea negra e do lume en curso, que vai seguir, é tempo de tomar algunhas decisións, pode que ben pouco espectaculares, de moi pouco tirón e que ao mellor nin dan votos. Pero que o país esixe. Porque non é ningunha frivolidade o que está pasando en Galicia. O primeiro de todo, paréceme, é que os tres partidos con representación parlamentaria se poñan á fala, que pensen por unha vez como país e non só como partido, e, xuntos, procurar un entendemento sobre as causas e as medidas que urxe tomar, á vista tamén das experiencias a que outros teñan chegado. Pouco haberá que inventar. E, xuntos, deberán chegar a un pacto que uns e outros terán que ver como propio, porque o asunto non é de partido senón de país. Así de grave é o caso, e mellor será que todos o comprendan dunha vez. Un pouco máis e non teremos país. É o mellor que os nosos políticos poderían facer nesta hora: unha mínima visión a longo prazo. Empeñen no proxecto a pouca credibilidade que lles queda. Por unha vez, fagan algo por este país.