HAI OLLOS que en agosto son espadas de Damocles: danzan por riba de ti como unha ameaza, non saben acariciar, lastiman. Outros, en cambio, son transparentes e un vai tras eles entre as rúas de turistas. Ollos que arrastran a felicidade, que tiran dela, que a atan a esas cousas simples que nos fan mellores: unha mirada, un quérote, un abrázame. Hai ollos que disparan e outros que curan. Ollos cegadores, tormentosos, de chuvia. Estes días eu contemplo ollos de lágrimas rodeados de lume, con ruído de helicóptero e gritos de dor. Este país sofre. Homes e mulleres trasladados e protexidos para que o lume non queime a súa pel. A alma xa a teñen queimada, plena de cinsa. O peor dos incendios é que nos rouban a esperanza. Que nos encolerizan e nos empuxan a crer que somos un territorio con instinto suicida: o país que quere ir a ningunha parte. O país do sempre igual. Un país sen ollos de espuma. Eu véxoos, non obstante. Miro ollos con espuma de cervexa, de mar, de ducha. Búscoos como un explorador que ten todo explorado, excepto a desgana. Sigo, nestes días malos, amarrándome á vida. Con afán. Sendo o bohemio que, colgado da noite, escribía versos de amor nas paredes. As paredes teñen ollos, tamén. Eu procuro uns ollos que me falen do futuro, que me regalen un entusiasmo co que levantarme cada día. Ollos que sexan gomas de borrar a tristeza. Invítote a que coloques na túa vida estes ollos que non son de metal, senón de nube. Busca, coma min, eses ollos que nos devolvan a ilusión. Non coñezo unha palabra máis fértil. Se non tes ilusión, non poderás contemplar as cousas fermosas: a lúa, a noite, o bosque sen lume, os momentos que foron (e serán) felices. Sen ilusión todo é nada. Todo arde. Hai ollos que en agosto non son espadas. Son esperanza, corazón...