Unha de príncipes

| MARÍA CANOSA |

OPINIÓN

MENTRES os maiores alongaban o pracer da frescura dos refrixerios saboreados á sombra da antuca na terraza do bar da praia, unha nena e un neno xogaban a subir e baixar escaleiras de dúas en dúas. De pronto, xurdiu unha idea. -¿Xogamos aos príncipes e princesas?, preguntou a nena. -Vale. ¿Que facemos? -¡Reinar! Aínda que para iso antes temos que facer o castelo. Cun foso ao redor. Os nenos colleron os caldeiros e as pas e foron cara a area mollada a construír un castelo que decoraban con cunchas. Observábaos xogar lembrando os pasatempos de cativa: saltar á corda, xogar aos agochos, ás bólas, á mariola... Sorprendeume que, neste mundo que idolatra as novas tecnoloxías, aínda queden nenos que non xogan só aos videoxogos, que seguen soñando espertos, que aínda saben ser nenos. «¿E as batallas? ¿Onde van ser? Non temos exército», seguían coa historia. «Non vai haber guerra; ¡os príncipes non pelexan, só poden rescatar as princesas, que sempre están agochadas na torre!», protestaba. Dei en pensar entón nos reis do cinema, cos traxes suntuosos bordados en ouro e os castelos inmensos en que perderse, cos exércitos que os protexen e os súbditos que os admiran. Decateime de que non se asemellaban aos príncipes de Galicia: visten traxes de faena e guíanse polos faros, teñen barcos ateigados de redes; ás veces non pescan, rescatan. Francisco e Catalina . Espléndidos nomes para os príncipes galegos dos mares, que deron en rescatar das poutas do mar a uns africanos á deriva sobre a súa pateira. Porque os mariñeiros son así: traballadores, sinxelos, calados, e sobre todo, solidarios. Máis que da realeza, os galegos somos da fortaleza, pensamos co corazón, e falamos con obras, aínda que esta vez debemos alzar a voz para que Francisco e Catalina se convertan en candidatos a un premio Príncipe de Asturias.