A maxia do cincuenta por cento

| MARINA MAYORAL |

OPINIÓN

HAI números, como o sete ou o tres, que dende tempos inmemoriais cargáronse de sentido máxico. O porcentaxe do cincuenta por cento non o ten, pero debería telo, porque, contrariamente a eses números citados, dos que nunca chegamos a percibir os seus poderes, a maxia do 50% faise evidente e palpable día tras día. Debería converterse en símbolo da relatividade das percepcións humanas. Para empezar, atopámonos co asunto da botella que está á metade da súa capacidade: para un optimista está medio chea e para un pesimista medio valeira. Pero o problema non é só cuestión do carácter do perceptor, senón do obxecto percibido. Así, por exemplo, os pantanos españois, que están, coido, a un cincuenta por cen da súa capacidade, atópanse en situación de alarma, independentemente do talante vital dos observadores. Se pasamos ao mundo da cultura volvemos ao da relatividade: unha saa de exposicións ao cincuenta por centro da súa capacidade é un éxito, pero un estreo de teatro ou de cine coa mesma proporción é un fracaso. Onde a maxia do porcentaxe desprega todos os seus poderes é no caso da participación nos referendos, como tivemos ocasión de ver no do Estatuto de Cataluña. O escaso cincuenta por cento de participación é para uns un éxito incontrovertible e para outros signo inequívoco do desinterés da poboación. Eu, nestes casos, síntome pesimista e son das que vexo a botella medio valeira. Cústame crer que ante un asunto tan debatido e tan importante, unha participación do cincuenta por cento signifique que os convocantes contan con apoio da cidadanía. Traslademos o asunto dende a comunidade territorial á de veciños. Se un presidente convoca unha reunión para resolver un tema de interese e atópase con que só acude a metade escasa, e que dos asistentes un vintecinco por cento non apoia as súas propostas, coido que sería imprudente e enganoso pola súa parte que sacase a conclusión de que está apoiado por unha maioría. Misterios da política e do cincuenta por cento.