Un supoñer, o valor do vento

OPINIÓN

25 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

CONCORDO cun amigo de meu en que o vento sen investimento non ten valor. Tampouco os ríos, nin as fontes, nin mesmo as carballeiras e os soutos. O vento, os ventos, a penas eran aproveitados por mariñeiros e muiñeiros. Don Álvaro, o señor Cunqueiro, alcumounos e pensounos. Logo viñeron homes e mulleres e déronlle valor. Un valor desigual, pois case que valía tanto un papeliño de autorización emitido polo poder dunha Administración coma toda a mesta e complexa tecnoloxía que transformaba os ventos en enerxía. Sucede que os ventos andan polo medio do mundo, e mesmo se asentan con teimosía nos cumes de montes, ou nas chairas mareiras. Nesta nosa terra grande parte de montes, e todo aquel mar que a arrodea, son do común. E por ben ou por mal, o común de sempre foi xestionado pola Administración. O común, á contra dos ventos, é adxectivo cualificativo. Así, hai ben común, interese común, e mesmo propiedade común. Ao redor do común mesmo hai un clásico económico na traxedia dos comúns. Seica ninguén foi quen de levar tales bens a bo rendemento. Mesmo que o administrador, ciumoso de poñer en valor canto de valor ten o que lle foi confiado, deu coa fórmula da concesión ou autorización administrativa. ¿Sóalles? E tal figura seica é a que fai que o que non valía de seu se converta en fonte de beneficios. Mesmo o vento. Mais o problema ven cando o tal administrador, por ignorancia ou desinterese, non é quen de pór contrapartida acaída a esa cesión do común, sexan ventos, láminas de auga, zonas costeiras de protección, autopistas pagadas con cartos públicos ou calisquer outra caste de recurso, tal que ríos ou explotacións mineiras, e mesmo o destino para urbanización do chan, ou o maltrato por contaminación dos bens naturais. Ata hai pouco ninguén que non fora afectado directamente molestábase en protestar. Mais dun tempo acó, certo que sen rebumbio nin altofalantes, espállase a pregunta de cómo se cede e xestiona o dominio público. Un dicir, os galegos pregúntanse sobre a existencia doutra modernidade, na que non chegan promesas de emprego, nin tripar no ránking da industrialización. Unha modernidade que entende que tamén os beneficios do común han seren, no que corresponde, para o común.