Zapatero pide un aplazamiento de su declaración por la «complejidad» del sumario
DONA Danuta, da Galitzia polaca, falou co presidente da Galicia atlántica e dixo apoiar o tren de alta velocidade entre o Porto, capital do norte portugués, e Vigo, capital do sur galego. Se o diñeiro de Europa vén, non ha vir so, sen vontade de reclamo: deben querer as dúas partes, portuguesa e española; cómpre seren firmes os estados, interlocutores da Unión. O escollo é que Lisboa di ter outras prioridades, que pasan por ligarse co Porto e con Madrid. A bo entendedor poucos mapas lle son dabondo, sobre todo se eses mapas levan ao pasado histórico e ao ser mesmo de Portugal que, con ollos lisboetas, recea dunha Galicia capaz de explicar a nación portuguesa de maneira diferente. Mais agora non se trata de preguntármonos como tería sido o mapa dos estados da Península segundo a ficción científica de distintos historiadores. Arestora é a economía dentro da Unión o que importa; e a comunicación de persoas e mercadorías. Ollando pois ao presente e ao futuro, vese que fican por diante moitos anos para podermos ir de Vigo ao Porto como quen colle un tranvía. Por tanto, o problema que deberían considerar os planificadores de aquén e alén do Miño é como viaxarmos desde este intre ao da inauguración do servizo ferroviario de alta velocidade. Porque -simplemente- non existe un servizo público de comunicación por autoestrada que nos permita viaxar con frecuencia horaria á velocidade que marca o límite: 120 quilómetros por hora. ¿Non hai clientela para iso? Fica pendente o estudio.