NOS ÚLTIMOS días de maio tiveron lugar no pazo de Mariñán os terceiros Diálogos literarios que organiza a Fundación Carlos Casares. Estes encontros considéranse unha prolongación dos Encontros de Verines que dirixía Víctor de la Concha e que tiñan en Carlos Casares un contertulio insubstituíble. Nembargante, na miña opinión, estes de Mariñán, malia a súa novidade, contan con varios factores ao seu favor. En primeiro lugar, o entorno, cualificado de paradisíaco por moitos dos participantes. O pazo é en verdade magnífico e a paisaxe, cos xardíns, a ría e as árbores centenarias, favorece a dedicación ás artes e á conversa. Estaban alí, a parte dos literatos, un grupo de escultores portugueses, dos que se podía ollar o traballo que estaban a facer. O ambiente recordábame máis á Fundación Rodríguez Acosta de Granada, que acolle artistas de diversas disciplinas para que fagan o seu traballo con total liberdade, que a Verines, rexido por unha disciplina de colexio de frades que propiciaba nos participantes uns desexos infantís de facer a lata. O pazo de Mariñán está atendido por funcionarios, que teñen horario fixo. Iso obriga a poñer un horario para as comidas. Pero a amabilidade de todos os que alí traballan deixa un marxe xeneroso á preguiza dos non madrugadores e dos que vagarosamente se van incorporando ás mesas do comedor. Eu teño que confesar que nunca vin funcionarios públicos tan cordiais e dispostos a resolver dificultades como os de Mariñán, xa se tratase de recoller papeis que chegaban por fax a horas intempestivas ou da perda dunha carteira nun taxi e a conseguinte procura. Tamén me parece un acerto de Mariñán a mestura de relatores literatos con oíntes doutras profesións: pintores, fotógrafos, bibliotecarios , profesores , investigadores... Christina Berg, esa encantadora muller que fala galego con acento sueco, e o grupo de amigos que rodearon en vida ao escritor, manteñen vivo non só o recordo, senón o espírito e o talante de Carlos Casares.