Estrelas sen brillo

OPINIÓN

MOITAS veces dende este xornal lles teño recomendado un libro, unha película, unha exposición de pintura, sempre obras de arte que se movían fóra das campañas publicitarias e ás que non se accede facilmente se non é polo sistema de boca a boca. Ás veces tamén teño criticado outras que considerei que gozaban dun favor que non merecían. Hoxe toca recomendación. Trátase do documental Estrellas de La Línea , que conta a aventura dun grupo de prostitutas que, para facer visibles as súas reivindicacións, inscribíronse como equipo nun torneo de fútbol feminino. O barrio ao que pertencen é definido polo director como «a escoira de Guatemala, unha leprosaría onde as putas véndense por dous dólares». A situación de desamparo desas mulleres queda patente no que unha delas comenta: «Non sabemos quen son máis violentos: a policía, os clientes ou as nosas propias parellas». O director tivo o acerto de non insistir no obvio e de reflectir polo contrario o atractivo destas mulleres que son como perlas nunha esterqueira. Elas son o único bonito nun sitio horrible: maquíllanse, pintan as uñas, póñense roupa atractiva e teñen humor para rir das súas propias desgrazas. A min conmoveume a súa capacidade de gozar das poucas e pequenas cousas boas que a vida lles depara. Unha vella case cega da grazas a Deus pola compañía do seu home, que amaña o teito, destruído polo último furacán, da chabola mísera na que malviven. Todas confían en que os seus fillos poidan saír daquelo e non se avergoncen delas. Por momentos encóllenche o corazón, pero noutros un ri de verdade co que din e co quen fan; teñen graza e o director soubo recollela. E son socias no proxecto do documental. Se ten éxito recibirán algún diñeiro que quizá lles axude a mellorar a súa situación. De momento gozan do premio do festival de Berlín. Acudiu alí o travestí entrenador do equipo, que declarou: «Sentinme tal cal Julia Roberts». Se teñen ocasión, non deixen de ver e recomendar a película.