OCORREU O 17 DE MAIO DE 1833 Vencer a inercia e botar a andar. Iso é o máis difícil, só ao alcance de seres privilexiados cando se fala da historia dun pobo. É o caso de Manuel Antonio Martínez Murguía, Manuel Murguía (1833-1923), nado nesta data que en 1963 se convertería en Día das Letras Galegas.
16 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Non se trata dunha mera coincidencia. Entre os grandes méritos de Murguía está o de apoiar de maneira enérxica e inquebrantable o labor literario da súa muller, Rosalía de Castro, á que sitúa nos cimentos do futuro da patria cando en 1885, xa morta a poetisa, a inclúe en Los precursores, obra que inaugura a Biblioteca Gallega de La Voz de Galicia e que recupera as figuras claves do Rexurdimento. É curioso o que pode representar a edición dun libro coma este, mesmo máis aló do seu contido real, e a importancia de escribilo e da decisión de Fernández Latorre e Martínez Salazar de publicalo. A coincidencia, pois, entre esta data das Letras e o nacemento de Murguía ten antecedentes lonxanos. Foi para conmemorar o primeiro centenario da publicación do libro Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, que se instituíu a festividade en 1963, por considerarse que a obra marcara o inicio do rexurdimento da cultura e da literatura galega logo dos séculos escuros. Patriarca ou pioneiro, a longa vida de Murguía está asociada a unha chea de primeiros pasos da nosa cultura e da definición da opinión nacional. Desde logo hai que seguilo na fixación que move desde o comezo o seu traballo como escritor: o de reescribir a historia de Galicia. Ese chanzo que considera imprescindible para cimentar a teoría da galeguidade atopa un cómplice no editor lucense Soto Freire, que publica a partir de 1865 a súa Historia de Galicia. O seu traballo acada unha importante popularidade sobre todo con cuestións como a do celtismo e, a dicir de Ramón Villares, aínda que a obra non resiste a análise da historiografía actual, «o conxunto da obra de Murguía debe entenderse no contexto do romanticismo liberal da elaboración dunha historia da nación galega, contada coa racionalidade dun liberal ilustrado e coa paixón dun romántico que ama a Galicia por riba de todo». Primeiro presidente da Real Academia Galega; principal teórico do nacente galeguismo político do século XIX e, como tal, cofundador con Brañas da Asociación Regionalista Gallega, primeira organización política do galeguismo; colaborador e impulsor de diversos medios, e tamén director (literario no caso da revista La ilustración gallega y asturiana), Murguía traballa nos eidos máis variados, desde a novela na xuventude á poesía, a mitoloxía galega, as artes plásticas, a arqueoloxía, o folclore, a oratoria... A hostilidade que na época padece o uso do galego xustifica a escasa produción do Patriarca na nosa lingua, pero a el corresponden esforzos tan importantes para mudar o rumbo da historia como o de ser, con Alfredo Brañas e o cóengo Antonio Cerviño, «o iniciador do uso do galego na prosa política e no discurso público, co gallo dos Xogos Frorais de Tui en 1891», segundo ten salientado Justo G. Beramendi. Tamén a el corresponde o empeño de que tanto Rosalía de Castro como Pondal escriban en galego, contribución práctica a un ideario da nacionalidade galega que cimenta na raza, o territorio, a lingua, os costumes e a historia, así como na conciencia de que somos diferentes.