Detrás dunha gran muller

OPINIÓN

07 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

NO FIN de semana pasado estiven na Pobra de Trives no Terceiro Foro de Mulleres para a Igualdade, a Cooperación e a Cultura, que rematou coa entrega a Carmen Avendaño do premio á Muller do Ano. Case todas as ponentes presentamos un panorama dabondo negativo. Tanto María Paz Pita, dende a súa perspectiva de compositora e profesora de composición musical, como María Xosé Queizán, Rosa Regás e máis eu, como escritoras, expuxemos os casos de mulleres que tiveron que sacrificar a súa carreira para favorecer a de familiares masculinos, como Nannerl Mozart, Clara Wieck-Shumann ou Alma Mahler, ou que foron obxecto de duros ataques por parte dunha sociedade que pretendía relegar á muller ao ámbito do mundo doméstico. Mercedes Lezcano, como directora de teatro, falou das dificultades nesa actividade, e Pilar Barden deu unha visión divertidísima na forma, pero terrible no fondo, da vida dunha cómica . Adriana Ozores, que encarna na película Heroína a Carmen Avendaño, falou dos esforzos de manter unha postura digna nun mundo que tende a converter á muller nun obxecto de pracer. Ou sexa, todo máis ben pesimista. Ata que apareceu Carmen Avendaño, nai de cinco fillos, dous deles drogadictos; a muller que, xuntándose con outras nais, conseguiu crear a organización Érguete, que enfrontouse aos narcotraficantes galegos e que ten xa conseguido moitos triunfos nesa desigual e perigosa loita. Con Carmen entrou o optimismo no Foro: o convencemento de que as mulleres, xuntándose, poden facer grandes cousas. E tamén a proba de que non sempre a soidade é o prezo que unha muller ten que pagar por seguir adiante coa súa vocación, o seu traballo ou a súa independencia. Carmen quixo compartir publicamente o premio co seu marido, Jaime, o apoio que nunca lle faltou, o gran home detrás dunha gran muller. Eles foron para todas nós, e para os poucos pero moi participativos homes que alí había, un modelo , un ledo vento de beiramar, cargado de esperanza.