O saber ocupa lugar

LOURENZO F. PRIETO

OPINIÓN

29 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A TOLERANCIA non debería ocupar lugar nesta España plural e poscentralista, alonxada dos fanatismos esencialistas da doutrina franquista. A reacción do Goberno de Rodríguez Ibarra fronte a unha demanda de protección para a fala estremeña que fixo o BNG nunha intervención parlamentaria, máis que desproporcionada é innecesariamente incendiaria. O nacionalismo convencional dos Estados sempre precisou de inimigos a combater e iso é o que pasa a vida buscando o bon de Rodríguez Ibarra. Non se entende senón este estar ao quite do teletipo para provocar polémicas innecesarias. Empeñado en definir os defectos e os riscos negativos dos nacionalismos non estatais ou periféricos, sempre acaba converténdose, no fondo e máis na forma, na caricatura do que quere criticar: nun airado nacionalista carpetovetónico. Cando un se entera de que en varias localidades de Estremadura se fala unha fala moi semellante ao galego, o normal é preguntarse por qué, en troques de negar que sexa galego. Agás algún filólogo autonómico estremeño, todos os habidos, mesmo os grandes constructores da idoleoxía nacional filolóxica española contemporánea, estableceron a relación entre esta variante e o tronco galaico portugués como algo plausíbel. En vez de preguntarse por qué tan ao sur se conserva esta variante e que significado pode ter, en vez de relacionalo coa riqueza e pluralidade cultural da península, mesmo certificalo como un rasgo paradoxal de cómo as culturas e as linguas saltan os límites administrativos autonómicos ou nacionais, só se lle ocorre negar que iso poida ser galego. E faino por pura ideoloxía -non direi antigalega pero si dun rancio unitarismo español-, contra o que din os expertos e negando hipóteses críbeis e, en todo caso, imaxino que tamén para non ter que pór en cuestión o que aprendeu na escola -franquista, por suposto- por razóns de idade. Se facemos preguntas pode que saibamos máis, pero certamente o saber ocupa lugar e hai quen non está disposto a ocupar a cabeza con ideas novas e posibilidades non contempladas. Iso é cousa de científicos e académicos e, mágoa, non de algúns políticos. Menos mal que tamén hai políticos que -académicos ou non- fan honor ao coñecemento. Aínda neste asunto do galego do exterior tan manipulado polos temerosos unitaristas, hai moitas preguntas que compre facerse, antes de lanzarse a dar respostas que son simples e burdos ataques baseados en temores. Por exemplo, por qué o asturiano Fermín Penzol (Castropol) construíu e doou a mellor biblioteca galega contemporánea. Que facía o veigueño (A Veiga, Asturias) promovendo a creación do Seminario de Estudos Galegos. Por que o meu amigo Paco Macías, motor dunha das máis anovadoras editoras en galego é de Lago de Carucedo (León) ou por que o tamén berciano Amancio Prada cantou tanto en galego. Poderíamos seguir pola franxa estremeira cara ao sur... I????????ó? en la página 15