O día dos irmandiños

Das dúas revoltas medievais galegas que recibiron o nome de irmandiñas ¿unha en 1431 e outra entre 1466 e 1469¿, a segunda é a de maior repercusión histórica. O primeiro documento no que se constatan os ataques ás fortalezas señoriais data da primavera de 1467.


O 25 de abril de 1467 un precavido cóengo da catedral de Ourense, Gonçalvo Nunes, comparece ante notario apostólico para dicir que os da «Santa Yrmandade avian lançado pregon que leigos e clerigos, judios e mouros, fosen a derribar o castelo Ramiro sub çertas penas» deixado constancia de que «el era forçado yr ala ao ajudar a derribar... contra sua vontade». Trátase do primeiro dato do inicio do derrocamento de fortalezas en toda Galicia, desde as que ?dicían os sublevados? os señores, cabaleiros e prelados, perpetraban todo tipo de males e danos, agravios e forzas. Fase insurreccional dun movemento que comezara meses antes coa organización, nas cidades e no campo, dunhas novas irmandades co permiso de El-Rei que tiñan por obxecto manter a orde pública no reino, alterada arreo polos señores das fortalezas, incitadores dunha crise social agravada polo baleiro de poder xerado pola guerra civil en Castela entre Henrique IV, moi apoiado polos galegos, e o príncipe Afonso, coroado Afonso XII pola nobreza en rebeldía.Nesta revolta popular de campesiños, pescadores, artesáns e burgueses, participaron activamente fidalgos, cabaleiros, eclesiásticos e oficiais reais. O 6 de xullo de 1467 o rei Henrique dá por ben feitos os derrocamentos e ordena que os castelos aínda asediados se rendan á Santa Irmandade, logo de ter fracasado ?todo hai que dicilo? no seu intento de que respectaran as fortalezas dos nobres do seu bando, asemade simpatizantes dos irmandiños.A meirande parte da Igrexa galega, primeira vítima da rapacidade da nobreza, participa máis ou menos activamente na revolta, especialmente os cabidos: proporcionando cartos (Santiago), nomeando deputados (Lugo) ou derrocando castelos (Ourense). En plena revolta, escribiu o cura Roi Vázquez: «Quiso nuestro Señor tornar por lo seu poboo que era este reino de Galiza, todo destroido por la maa vivenda destes caballeiros... [que] ficaron ataes ben como o primeiro dia que nasceran, sen terras et sen va[sa]llos». Confirmando así o carácter antiseñorial desta nosa grande irmandade que gobernou o reino, dando orixe á primeira Xunta de Galicia, entre 1467 e 1469.Teño para min que a plural e unánime revolta dos irmandiños (tardía como levantamento antifeudal, prematura como revolución burguesa), vén sendo para a nosa historia o mesmo que a revolución de 1789 para os franceses, cambiando o que haxa que cambiar, polo que tivo de participación masiva da xente común na historia galega, marcando desde embaixo a transición da Idade Media á Idade Moderna, da cabalaria feudal á fidalguía intermediaria, da Galicia das fortalezas á Galicia dos pazos. Amosando a existencia social diferenciada dun Reino de Galicia constituído en nacionalidade histórica ao longo do medievo. Legando á modernidade unha imaxe rebelde dos galegos que foi preciso restituír logo dos escritos nobiliarios dos séculos XVI-XVII dos partidarios da nobreza derrotada en 1469, desprazada definitivamente do poder galego por un Estado moderno que ten no seu haber ?malia o significou negativamente? ter derrubado outra volta, coa axuda dos restos irmandiños, as poucas torres e castelos reconstruídos na década de reacción señorial dos anos setenta do século XV. O descubrimento do preito Tabera-Fonseca en 1926 (José Couselo Bouzas), e sobre todo a súa edición en 1984 (Ángel Rodríguez González), permitiu recuperarmos a voz dos protagonistas e dos seus descendentes, que exhibían sesenta anos despois unha conciencia clara e maioritaria, que incluía os representantes do arcebispo Fonseca (fundador da nosa Universidade), da súa vitoria irmandiña que cambiou daquela, con toda evidencia, a vida das xentes de Galicia para mellor. Está por ver que os galegos de hoxe saibamos celebrar a xesta dos nosos precursores irmandiños, recuperando o mellor das nosas tradicións, todas as memorias históricas, desde o reino suevo ata a historia máis recente, salientando os feitos colectivos a miúdo esquecidos, co fin de aprender do pasado, saber quen somos, construír o futuro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

O día dos irmandiños