DO DE Ourense se fala sen cancelas mesmo fóra de España. E logo dos anatemas do bispo, máis. Coñecemos un pouco ao Araujo, do que se pode dicir, e xa é abondo, que lle acae a Concellería de Cultura. O verdadeiramente abraiante, para ben, son os bos oficios do alcalde Cabeza, do presidente Baltar e, como sanción superior, a do Núñez Feijoo, cabeza visíbel do PP da Galiza. Resulta que o día do enlace estabamos, a miña muller e mais eu, en Ourense, xusto diante do Concello, mais daquela só vimos entrar a un matrimonio heterosexual, el de coiro e ela, en branco impoluto, cunha miniminisaia e botas asemade brancas. Fomos á nosa cidade natal para compartirmos unha multitudinaria homenaxe sen retóricas a unha institución local non oficialista, a do noso benquerido Julito Losada, reencarnación barojiana polos vieiros da literatura oral. Un home bo, intelixente, do non doado exilio interior -algo así como unha Pimpinela Escarlata do revés, salvavidas vía Portugal- perante a longa noite de percal. Despois dunha mesa redonda no Ateneo, os Amigos da República ofrecéronlle unha cea en Expourense, con cincocentos comensais, mozas e mozos a maioría. Estas cousas, e disimulen o chovinismo, só poden pasar en Ourense.