Tránsito e transferencias

| LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO |

OPINIÓN

19 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A SINISTRALIDADE elevadísima destas vacacións nas estradas galegas esixe de novo unha chamada de atención. Máis unha vez os datos galegos triplican a porcentaxe que nos correspondería en relación coa poboación e dan conta dun problema que require unha solución. Un plano de actuación, deses que sempre nos sacamos da manga na procura de solucións. Como non hai unha única causa, tampouco hai unha única solución, pero estou seguro de que a transferencia das competencias en tráfico e seguridade que antonte negociaban o vicepresidente da Xunta e o ministro Sevilla contribuirían a enfrontar mellor a solución do problema. Sen ir máis lonxe, a experiencia autonómica ven demostrando que achegar a administración dos asuntos públicos aos administrados é un principio válido en termos xerais. Vímolo no asunto do Prestige , a propósito de asuntos catastróficos, ou na educación, en relación coa xestión do cotián. Certo que a transferencia non é en si mesma garantía de solución: a construción das malfadadas vías rápidas constituíu obxectivamente un factor de incremento da sinistralidade, en troques dunha solución. Certo que depende de como e canto se queiran exercer esas competencias. Mais hai poucas dúbidas de que Anxo Quintana reclámaas para exercelas a fondo. Non concordo co individualismo metodolóxico -tan querido polos directores xerais de Tráfico- que suxire que a única responsabilidade dos accidentes é dos propios condutores. O estado e calidade das infraestruturas é un factor decisivo, como o tipo de trazado e a adecuación ás condicións físicas e climáticas. A extensión dunha boa cultura automobilística -que inclúe en si mesma pericia e responsabilidade- permite tamén reducir os accidentes, como vemos se comparamos a sinistralidade galega coa asturiana, por pór un exemplo próximo. Mais no fondo de tantas mortes latexa un modelo de transporte por estrada, baseado no uso do vehículo particular que, ao non ter alternativas que apoñerlle -máis económicas e sustentábeis, como o tren ou un bo transporte colectivo-, esixe asumir inevitabelmente o pano de mortes que acompaña ao modelo vixente, baseado na ilusión da liberdade individual e, por suposto, no petróleo barato. A ilusión, por exemplo, de pensar que toda Galiza está -ou debe estar- a tiro de coche particular e polo tanto podemos residir en calquera lugar distante a menos dunha hora teórica do traballo, e se as estradas se saturan logo deben ampliarse. Aínda hai que reparar ademais no modelo de ocio preferente e na responsabilidade social e individual. Neste país de festas e romarías fomentadas polos poderes públicos como principal atractivo cultural; onde comendo e bebendo inventamos o botellón e a ruta do bacallau hai moito tempo xa, disociar alcohol e condución resulta difícil. En canto á responsabilidade individual, só un dato: en moitos países a penas existen as autoescolas, e os menores principian a guiar acompañados dun adulto que lles aprende normas e responsabilidade.