Outra desfeita

OPINIÓN

NINGUÉN sabe en Galicia se hai política lingüística ou non. Polo que semella, non a hai. A non ser que consista no que estamos vendo: non facer ningunha política. Por iso, o lóxico é que empecemos a suxerir solucións: que a responsable se retire, que se nos diga que política hai, se é que a hai, e, neste caso, por que non se ve por ningures. Non estou de acordo con que a persoa designada para executar esa política non é a idónea. Eu penso que é a máis idónea, ao menos dende o punto de vista de quen a designou. Porque, sen dúbida, non facer ningunha política é a misión que lle foi conferida. Xusto o que os feitos nos demostran. Porque, ao cabo, ese é o problema: que non hai vontade política para facer a que hoxe cómpre executar e que non custa tanto encarreirar dunha vez. Pero, para isto, cómpren tres cousas: vontade política, que xa se ve que non hai, un mínimo compromiso co país, que tamén estamos vendo en que consiste, e unhas mínimas capacidades, que tamén semella que brillan pola súa ausencia. Fixémola boa.