TERÁ que perdoarme a defensora do lector de La Voz, pero a semana pasada Zaplana veulle quitar a razón en algo que ela escribira. A nosa defensora (eu son sobre todo lector deste xornal, a parte de escribir nel) afeara as crónicas que se publicaron sobre a xira africana da vicepresidenta do Goberno, porque se centraban no trivial e esquecían o fundamental. Dicía que o que había era que falar dos obxectivos da visita, e non de se o traxe tradicional de Mozambique lle quedaba ben ou mal entallado a dona María Teresa. E eu pensei que levaba a razón, porque desde logo a sida é un problema maior que a sisa. Pero logo resulta que o vestido aquel foi motivo nada menos que dunha pregunta parlamentaria da oposición e dun motín da maioría gobernamental. Así que, se cadra, si que estaba aí a noticia, despois de todo. Eu non sei se fixo ben ou mal en poñer ese vestido a vicepresidenta nin se é machista ou non que Zaplana o mencione, pero o que si penso é que este home tería que aclararse, e aclararnos, cal son, en concreto, os seus gustos no que se refire ao vestiario. Porque aquí hai algunhas incoherencias, non sei se políticas, pero desde logo estéticas. E é que, se lembran, xa ao mesmo Zaplana non lle gustara como se vestira a mesma vicepresidenta, dous anos atrás, na famosa reportaxe do Vogue. Unhas veces, logo, porque vai demasiado elegante e outras porque vai demasiado pouco, Zaplana sempre encontra algo que criticarlle ao vestiario de De la Vega. E un xa non sabe que pensar: se é que isto é o que se chama facer oposición, ou se máis ben é unha especie de teima, de manía, ou se facer oposición non será no fondo máis que iso: unha teima que fai que todo che pareza mal porque si. Mentres, De la Vega respondía indignada: «Prefiro esa foto que a das Azores». E aí se enganaba tamén, penso, porque as dúas cousas non son incompatibles. Aznar podía terse vestido daquela tamén co traxe rexional desas fermosas illas lusófonas, que ten unha pucha moi graciosa, polo que lembro. E é que, para sermos xustos, igual que ao mellor a oposición non é máis que teima, tampouco está claro que o exercicio do poder non sexa en parte unha cuestión de disfrace, unhas veces de rico e outras de pobre, unhas veces Vogue e outras Mozambique, segundo vaia tocando. Teima e disfrace. Quizais é que non pode ser doutro xeito.