¿SABES que a primavera, como un fotograma, está pintando de amarelo os montes deste país lindo? Que este ano han de devolvernos o mes de abril. Que Julito e un servidor, en Barcelona, deitámonos á unha e media da noite (como chicos buenos) e que ninguén nos cre. Que un día destes ha de morrer a morte. Que hai mulleres que teñen nos ollos un balcón con vistas ao paraíso, ai. Que prefiro a farándula sen folclóricas, as botellas sen botellón, os poetas sen pose de poeta. Que a nova inquisición son os tipos/tipas estes do colorín, do tomate, a salsa rosa e todos os seus ancestros, dos que me lembro a miúdo: tropa de imbéciles. Que malditas sexan as veces que un neno pide esmola. Que entre Acebes e Bono, eu quedo con Buenafuente. ¿Sabes que a Marta non lle gusta a lúa porque sempre se repite? ¿Sabes que está de moda a cor violeta?: aquí traballa unha muller, leo nos carteis da alma. Que Concha le libros que non vai ler de maior. Que teño un amigo que coñece todos os recantos do Nou Camp, chámanlle Joan pero el saca peito e quere que o chamen Xoán Ferreiro: en galego bo e xeneroso, coma el. Sabes que hai mar, sol e praias que agardan os teus bicos. Que non choverá máis. Sabes que a primavera, corazón... a primavera.