MANTEÑO que, entre outras cousas, a industria mexilloeira debe procurar incrementos na súa produción. Esta afirmación enténdese entre os bateeiros como tomar partido polo incremento das bateas ou cordas autorizadas. De certo, estatísticas na man, a produción galega ven de se incrementar de seguido nos últimos anos. Basta acudir ás estatísticas oficiais -Jacumar dixit- para ver os incrementos: das 185.000 toneladas de 1985 ás 250.000 do ano 2000. E -sorpresa- ás ¿292.000? no ano 2004. Deixando aparte interrogantes sobre si nas estatísticas se mesturan producións brutas con aquelas comercializabeis, hai un elemento determinante que condiciona aumentos reais na produción: a sostibilidade da industria e a capacidade de carga das rías e a beiramar. Porque de certo a produción aumentou, tanto pola introdución de tecnoloxía como polos cambios do proceso de cultivo (sen desdobre) ou polo tipo de produto, de menor tamaño e maior rendemento en carne. E tal incremento se fixo co mesmo numero de bateas no mar. Mais coincido con moitos bateeiros que pouco ten falar de produción sen ao tempo falar de produto. Pensen senón nun produto que, por reparqueo de varios meses -efecto secundario da marea vermella- ou por se vender logo de facer a posta, chega ao mercado dando uns rendementos de 120 ou 150 gramos de carne por kg de mexillón vivo. Polo que teño para min que os problemas do mercado non derivan tanto de maiores producións senón de qué tipo de produto chega aos mercados. Pois senón non se explicaría que no mercado francés o mexillón fresco galego (35 pezas/kg) se pague hoxe a 0,50 euros, mentres que o italiano (65 pezas/kg) chegue aos 0,70 euros ou o irlandés, de 70 pezas, a 1,10. Como é difícil poñerlle portas ao mar, non se poden evitar os incrementos da produción de mexillón noutros países, e mesmo na propia beiramar española. E non é posible evitar que estas producións compitan nos mercados tradicionais da industria galega. Por iso cómpren estratexias de produción e produto. Produción para atender as demandas dun mercado occidental que move trescentas mil toneladas de mexillón, e produto para competir e obter rendementos. Mareas vermellas, Administración e bateeiros por medio.