O Mercado Común e outras eivas

ISAAC DÍAZ PARDO

OPINIÓN

05 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

A COMUNIDADE Económica Europea foi creada polo Tratado de Roma no ano 1957. Chamábaselle o Mercado Común Europeo. Os nosos amigos que viaxaban máis aló dos Pirineus, os que traballaban na OCDE e noutras institucións internacionais, informábannos de que a Comunidade Económica Europea non pasaba de ser un Mercado Común no que competían só os mercadores para se facer cos mellores negocios, pois aquilo non tiña nada e espiritual, como o herdado do seu antecedente cristián. Tanto proliferou esta especie de acusación como entidade mercantil que remataron por sacarlle toda referencia económica na súa denominación ficando só como Unión Europea. Mais os mercadores non se moveron do continente europeo. Pesaba nestes anos do remate da Segunda Guerra Mundial o problema do comunismo, pois aínda estaba na súa puxanza como consecuencia do avance do exército soviético sobre os pobos europeos. Rusia saíra da guerra cunha gran ampliación da súa área de influencia. O comunismo era o medo que metía medo, e nos Estados Unidos o maccarthismo estaba limpando o país do que chamaba actividades antinorteamericanas, cando o único que defendía eran os intereses do gran capital. Os americanos non se foron de Europa e catro anos logo de rematada a guerra xa tiñan montado o tratado da OTAN para xustificar o non se ter que ir, mentres que na España Franco entregáballes o traseiro con tal de que o deixaran co seu réxime, e acó seguen coas súas bases. Así naceu o neoliberalismo e as opas que temos, coas que os especuladores da economía seguen especulando coa vantaxe dos cartos, mercándose os uns aos outros, e, como vemos, pelexándose a niveis transpirenaicos, que os atravesan, aínda que a Galiza xa non veñen porque antes de haber opas os especuladores esgotaran o campo de acción. Con este panorama que nos rodea imos empezar a discutir o melloramento do Estatuto de Autonomía. Mais teremos que someternos ás leises que veñen de fóra, porque a lei é lei e non hai máis lei que a lei que hai. Ademais, defender os intereses de Galiza a algúns, aínda que sexan galegos, cáelles mal, como se o defender os dereitos que lle corresponden a cada pobo desartellasen o Estado español. Algún di que iso da nación para Catalunya ou para Galiza é dividir a España. Que non existe ningunha nación ou Estado con este problema. Quen o di ignora Valonia e Flandes nun mesmo Estado. Non entende que o concepto nación define características comúns de tradición, costumes, historia e até de lingua que fican por riba das divisións xurídicas que fan os que mandan. Polas súas características nacionais Galiza fica máis incardinada co norte de Portugal que con Castela e León porque foron un mesmo pobo e a conformación da terra seméllase. Mais hai nove séculos que ao Reino de Galiza lle roubaron o seu Rei. Ao pesar de tantos séculos de abandono e da presión do castelán, o galego, aínda que deturpado, alenta, mais se non media unha solución para o acercar ao portugués pode que fique como unha lingua litúrxica para estudar nas universidades, como o latín. Quen pensa o contrario quéimalle a historia e así insulta a quen declarou a este ano o da memoria no que se vai saber algo máis da Guerra Civil e dos 40 anos do franquismo. Esta recuperación do coñecemento histórico séntalle mal a quen estivo exaltando aos do «imperio hacia Dios» ocultando as tropelías que fixeron cos republicanos.