De primavera

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CARLOS CANEIRO | O |

01 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

PASOU o túnel de luz do entroido. Saímos de febreiro para penetrar en estación primavera. Sinto xa mil flores. E sinto sentir que cada ano pase don Carnal para irse a ningunha parte. En mércores de cinza apenas (con penas) respiro. Un quixera quedarse sempre no carnaval. Quitar a máscara dos días para ser a máscara feliz da alegría, digo felicidade. Pero a dous de marzo todo funciona con normalidade. Hoxe mesmo souben da demisión de Florentino, o presidente do Real Madrid: tan deprimido, tan peor. E souben que houbo frío, non sei qué cousa con Endesa e unha manifestación pepé: algo pasa en España que ata Rajoy canta o non nos moverán. Pasa o que pasa: a erótica do poder que emulsiona a alma da oposición. Todo resulta baladí. Un aínda vive en tempo de entroido, ou sexa de primavera. Que teño plumas na alma e paxaros na cabeza. Que hai caricias que faltan, pero han de vir outras tan lindas. Que a Coresma dura corenta días, pero que máis se perdeu en Cuba. Que pasa o gozo, pero tamén pasa a tristeza. Polo tanto queda para esta columna de marzo un verbo. En futuro. Ese que ri de lúa a lúa. Vivirás, carnaval. Para sempre. Porque o tempo anuncia, emocionado, un verso. De primavera, corazón. De primavera.