«UNHA noite me pillaron / nunha fiada de lá / Unha noite me pillaron / outra non me pillarán». Estou rexistrando moitas cousas nas que eu me deixei ir non sei como. Unha delas meterme en camisas de once varas e acceder a lle facer unha nota liminar a un libro excepcional do notario don Alfonso García López, que o é do ilustre Colexio da Coruña. Craro que a culpa a ten tamén él que foi quen mo pediu. Mais ao ver agora o libro editado historiando, clasificando e analizando os protocolos notariais da Coruña dos séculos XVIII e XIX con tanta sabiduría e amor pola súa profesión, con paciencia infinita, con coñecementos históricos do noso, que están por riba dos textos rexistrados sobre os que ás veces verque unha finísima ironía, e outras, humor, do que se bota de menos un estudo pormenorizado no limiar, que eu me limito a escribir unha unha soia páxina na que perdo o tempo e o espazo en dicir esas cousas que acostumo, máis ben de almanaque de follas soltas, como que os notarios son moi necesarios porque a especie humana trouxo consigo dende a selva esa virtude de mentir... que quen da fe ten que rexistrar tanto se houbo insultos como se houbo laudaciós. Vendo agora na distancia de catro meses de cando escribín a nota liminar, ao libro xa editado, arrepíntome de ter aceptado facerlle un limiar a esta excepcional obra de don Alfonso García, que debía ser feita por un erudito, sobre todo dun libro con un tema tan infrecuente como é este, e eu non teño esas virtudes, e paseime de listo ao aceptar o que me pediu. ¿E por que escribo de notarios e deputacións? Sinxelamente, porque o libro de don Alfonso García váillelo a presentar na Deputación Provincial da Coruña, o 9 do próximo marzo, o seu presidente, o noso amigo Fernández Moreda. Así este parágrafo sírveme para enlazar con algo das deputacións, cando Méndez Romeu sabe o que di e os que o contradín saben menos. Porque as deputacións que temos, e as que viñeron polo medio, parten dun intento de equilibrio entre a Constitución de Cádiz de 1812 (a Pepa, como se lle chamaba) e a Constitución de Bayona do 1808. A estas alturas non se trata de suprimir as deputacións provinciais, entre outras cousas porque non deixarían facelo os de Madrid, e porque a súa función creou hábito. Nembargantes, tal e como están concebidas as funcións que cumplen no Estado parécense máis ao sistema francés que a algo que teña en conta os feitos diferenciados, reais e tradicionais, dos pobos da Ibaria, cousa que as deputacións non só non contemplan, senón que están pensadas para que desaparezan os reinos e toda diferencia das rexións con características propias. Galiza na época das Xuntas tiña sete cidades ás que o poder central, léase Castela, limitábase a velas como axencias tributarias. Até esto desapareceu. Se por unha banda as catro provincias restan cohesión a Galiza, por outra banda supoñen un intermediario costoso entre o Goberno e as súas delegacións provinciais. Un intermediario que pertence a Madrid e que opera xunto ás delegacións gubernativas. Son, craro está, elementos molestos para os pobos diferenciados da España. No 1914 Prat de la Riba levou adiante a Mancomunidade Catalana, e Primo de Rivera prohibiuna. Hai que facer con elas todo o que permitan as leises para o mellor goberno de Galiza, coordinándoas.