Unha cidade para Europa

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

A CONSELLEIRA Ánxela Bugallo ten razón: o principal activo de que dispón nestes momentos a Cidade da Cultura é a súa xigantesca carcasa, o seu envoltorio, esa estrutura que paseniñamente avanza no Gaiás e que, cando remate, anuncia unha ocupación de 70 hectáreas e seis centros integrados: biblioteca, hemeroteca, museo da Historia, centro de novas tecnoloxías, pazo da música e servizos da Administración, ao que hai que engadir un espazo forestal e as dúas torres que xa se alzan en memoria do arquitecto John Hejduk. Tal é o seu planteamento inicial que ata o momento non foi modificado. O proxecto de Peter Eisenman ten algo de disparate e de loucura, de desmesura e incluso de extravagancia. Certo. Supoño que como todas as obras singulares. Niso reside a súa forza. Ten problemas de construcción (arquitectura teórica), problemas de mantemento (algúns deles mesmo sen concretar) e o seu orzamento final aínda non parece claro. Prevese que o custo definitivo será bastante máis alevado do que inicialmente se orzamentou. Tampouco iso é novidoso. A historia está chea de exemplos. Queda por establecer que grao de hipoteca está en condicións de asumir este país (Galicia) para concluir semellante empresa, dotala de contidos e garantir o seu mantemento e as súas funcións. Debemos supoñer que a moratoria de 14 meses que vén de anunciar o Goberno é para saber exactamente que é o que queremos e que é o que podemos facer. E que con tal fin se están a convocar voces diversas de expertos e planificadores. Primeiro perigo, pensar en barato: ¡xa que levamos gastado moito, mellor sería cortar! Algunhas das suxestións que nestes últimos tempos andan polos xornais mesmo apuntan solucións ben paveras: dende os que propoñen construir casas de protección oficial aos que falan de dinamitalo todo e prantar árbores. Sexamos serios. O que hai no Gaiás é, obxectivamente, un investimento. Como tal debe ser entendido e xestionado. Un investimento en valor artístico e en potencial valor simbólico. ¿Nada máis? Tampouco nada menos. ¿Qué é a catedral de Santiago, por exemplo? Segundo perigo, o localismo. Unha vez que está feito o que está feito, levantemos o gran espazo para a cultura nacional (galega). De acordo. Mais ¿que entendemos por cultura nacional? ¿Cal deberá ser o discurso sobre o que construir esa identidade para poñela logo no escaparate? Seriamos ben cativos se non entendésemos que, dado que estamos obrigados a facer da necesidade virtude, temos diante unha magnífica oportunidade: levantar no Gaiás o discurso dunha Galicia nova, mais, por extensión tamén, o discurso da nova Europa, o soño dun novo tempo. A Galicia do Camiño, que hai mil anos anunciou en certa maneira ese soño (coa intelixencia estratéxica de Cluny e do Franco Imperio), debería ser quen de proxectar ese novo horizonte compartido: que a vella Fisterra atlántica sexa punto obrigado de referencia para ese novo discurso. Terceiro perigo, a capitalización exclusivista, quero dicir: que alguén pretenda apropiarse partidariamente dun proxecto que necesariamente deberá implicarnos a todos: ao conxunto da cidadanía e aos seus axentes máis activos, moi especialmente as voces plurais, necesariamente diversas (con visións distintas da mesma realidade) que configuran a Galicia do noso tempo, que en ningún caso é unha Galicia pechada, senón aberta, e que é necesario que estea máis aberta que nunca.