As formas e a nazón de Breogán

| ISAAC DÍAZ PARDO |

OPINIÓN

06 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

ESCRIBO formas e non cultura porque tense abusado moito do concepto cultura , que non define, cando cultura é todo e coincide con civilización. E lévana unha manchea de institucións e non digamos de asociacións. E até unha cousa que non se sabe que é nin para que vai servir, como o monte Gaiás, chámase Cidade da Cultura. Cultura é unha palabra recente que non acolleu a Academia até o século XX. Ferrater Mora fala da súa recente relatividade, mais di que o mundo occidental sempre tivo consciencia para distinguir natureza de cultura , do estado natural e do civilizado. «Nazón de Breogán» é como remata o último verso da segunda estrofa do Himno galego , é dicir, do poema Os pinos , de Eduardo Pondal, que, como se sabe, púxolle música Pascual Veiga. Foi bautizado en Cuba como o Himno galego por primeira vez o 20 de decembro do ano 1907 no Teatro Tascón (hoxe chamado García Lorca). Foi Fontenla Leal quen lles falou a Pondal e a Veiga da necesidade de compoñer o Himno , e baixo os seus sons téñense forxado moitas obras, moitas cousas do mundo galego e do tempo no que estamos. Estas dúas estrofas do poema de Pondal son as que xeralmente se cantan e son as preferidas polos galegos de orde, mais ás veces os novos que piden máis penetración insisten en que tamén se canten outras estrofas do poema de Pondal nas que se fala de «os bos e xenerosos», «os tempos son chegados» e «a nobre Lusitania». En Cuba teñen nacido outras cousas que aínda hoxe seguen tendo predicamento na vida de Galiza e recoñecemento legal. Non só o Himno , tamén a bandeira galega, que nun principio non foi outra cousa que a matrícula do porto da Coruña, que era o que máis movemento comercial tiña coa Habana, e que os galegos nunha visión iluminada da terra vían a patria naquela bandeira. Pensouse e discutiuse antes da Guerra Civil en buscar outra bandeira con máis tradición, pero coa que elixiran os emigrantes galegos en Cuba verqueuse moito sangue por Galiza e xa constituía a nosa tradición. En Cuba tamén se forxou a idea dunha Academia Galega cunha Asociación Iniciadora, patrocinada por Curros Enríquez e Fontenla Leal. Precisamente este ano estase celebrando o centenario da fundación no 1906, da man de Murguía, da que hoxe é a Real Academia Galega, tentando recuperar, ben conducida polo seu presidente, o compromiso coa causa galega coa que fora creada. Baixo esta forma de compromiso con unha causa, sen abandonar as formas da comunicación e da arte (do seu tempo, que non é o noso), fica inamovible ao traveso do tempo a obra con nomes como Rosalía, Curros, Pondal, Murguía, Castelao, Villar Ponte e, máis recentemente, Blanco Amor, Dieste, Varela, e na plástica Maside, Eiroa, Colmeiro, Seoane, Souto, Mazas, e na comunicación, Ánxel Casal. Como en Catalunya non teñen discusión os nomes de Prat de la Riba, Pompeu Fabra, Corominas, Gaudí, só por citar algúns da inmensa e envexable cultura catalana. O problema das formas de pensamento, de concepto, hoxe con máis consciencia, vense centrando, con independencia dos autores, entre o global e o local. Xa en Norteamérica tiñan a preocupación polo global e o local para percurar un termo medio: «Think globally, act locally; think locally, act globally» . Penso que hoxe as formas fican suxeitas aos mesmos problemas, se ben van depender moito das condicións socioeconómicas de cada país, o que pesará nas formas de pensamento, onde a arquitectura, nai do deseño, é o que máis nos distingue.