APELIDO común en Ferrolterra. Xulio Aneiros finou nestes días, e non pasou desapercibido o seu pasamento. Neste proclamado Ano da Memoria, a súa vida é un símbolo de moitas outras vidas anónimas que é necesario sumar para comprender cómo chegamos aquí dende unha ditadura. A súa longa peripecia vital, de case noventa anos, dáballe a perspectiva persoal para comprender e explicar a dificultade que tivo este periplo: pasando pola derrota da guerra, pola represión, polo tempo dos fuxidos, da fame, da desesperación dun réxime que perduraba e se consolidaba, sobrevivindo ás feridas de 1972. Tiña vinte anos en 1936 e case sesenta cando morreu Franco. A historia persoal de Xulio Aneiros permite lembrar que a transición non foi un pacto de elites e dirixentes proverbiais, como algúns están persoalmente interesados en representar. Senón que o labor da oposición foi fundamental para condicionar ao réxime, como demostra nun recente libro o profesor Pere Ysas. Pero esa oposición non a fixeron en solitario aqueles estudantes composteláns e aqueles intelectuais galeguistas que tanto se reivindicaron despois. Foi tamén, e moi especialmente, unha oposición civil que podía ser sindical, veciñal, cultural, ecoloxista ou parroquial. Houbo por todas partes fábricas de democracia que lograron o milagre de pensar e actuar en democracia antes da democracia. Foi un proceso complexo, resultado do empuxe e da paciencia de moitos pero, sobre todo, da capacidade para perdoar e ollar cara o futuro dos que máis sufriron e se mobilizaron. Aneiros, por ventura, ten quen o reivindique, pero non me trabuco pensando que na súa vontade estaría tamén a reivindicación de outros moitos, máis anónimos aínda ca el. Naquela manifestación das Pías en que mataron a Amador e a Daniel e case o mataron a el, eran moitos os que se axuntaban, como o meu veciño Pepe Moreira, como Nando, como Andrés, como tantos. Como Pillado, Amor e Riobó, símbolo daqueles anos, sempre con Aneiros. A historia sempre é máis complexa que a memoria. Nalgún sitio lin hai tempo que Aneiros fora militante anarquista antes da guerra e que entrou no Partido Comunista nos anos corenta. Como tantos. Había poucos comunistas en 1936 e fuxiron ou foron fusilados. Como Francisco Rei Balbís, o famoso Moncho , que comandou a IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia entre 1947 e 1951. Tiven a sorte de poder entrevistalo hai un mes na Habana. Un ano máis novo que Aneiros, tamén fora militante anarquista en Sada antes da guerra. Da FAI. Fíxose comunista na cadea da Coruña en 1941. Lembrando todo isto, pregúntome de qué falan os que estes días din interpretar o espírito da transición e da Constitución reivindicando a nación do franquismo contra o Estatuto catalán ou defendendo que os papeis da Generalitat sigan en Salamanca.