18 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI UNHA clase de tipos que me abominan. Sentan fronte o seu ordenador e contemplan unha pantalla de nenos espidos, tocados, humillados, usados. Pola súa boca corre a baba e cae, como vinagre, polas comisuras dos seus labios. Estes individuos montan redes. Algúns ganan pasta co invento. Son unha secta de cofrades que fan da pornografía infantil a súa empresa e divertimento. Eu, con estes tipos, teño unha conta persoal e querería cruzarme en calquera bar coa súa cara. O Estado non fai demasiado para impedir que se propaguen. Talvez escapa das súas mans. Internet, tan necesaria, é tamén un mundo de anónimos sucios e covardes. O españolito está indefenso diante de tanto canalla. Quédalle ver noticias nos periódicos que anuncian que caen redes de pornógrafos infantís. Quédalle coñecer o xuízo do asasinato dunha nena que morreu en primavera. Chamábase Erika e tiña catro anos. Imaxino que entre o tipo abominable que contempla corpos de nenos en internet, entre babas, e o que viola a un neno non hai demasiados pasos. Talvez si, non sei. Eu teño as mans que tremen e unha lágrima a punto de saír mentres escribo. Non é só tristeza. Creo que esta vez sinto repugnancia. Repugnancia, corazón. E frío. Erika, por ti.