HOXE comeza para o Partido Popular unha nova xeira. Logo da perda do poder en Galicia, recomezar era tarefa inescusable. Atrás quedan dezaseis, máis sete previos, anos de goberno que deixaron pegada fonda no país. Nas súas luces e sombras. Mantérmonos como rexión Obxectivo 1 permite percibiren fondos europeos outros sete anos, mais obriga a repensar estratexias políticas que resolvan os problemas económicos estruturais que se deixaron adiados nestes pasados anos de goberno popular. Esta é tarefa para o Goberno, mais tamén para unha oposición tan sólida como é o grupo popular. É lugar común que, máis aló do poder territorial, o Partido Popular en Galicia é unha organización ben chantada e dotada de cadros políticos novos e con experiencia en tarefas de goberno e administración. Experiencia desenvolvida ao acubillo das grandes baronías, mais que lles permitiu acadar capacidades propias. A nova dirección popular reflicte a madurez emerxente desa nova xeración de dirixentes. Logo de resolveren esa súa renovación organizativa, ninguén pode esquecer que fican por definir os seus deseños de estratexia política. De primeiras porque, tal que lle pasou ao propio Partido Popular mentres gobernou, a actual coalición que goberna Galicia non é tan feble como moitos diagnostican. E mesmo que nestes primeiros compases ande un pouco ás atoutoliñadas, quédanlle recursos para endereitar o goberno. Porque necesidade obriga, e máis canto que, logo da súa normalización organizativa, o propio grupo popular será aguillón dabondo para os intereses da coalición de goberno. De segundas, porque a nova dirección popular non é allea aos deseños políticos que se fixeron nestes dezaseis anos, sexa o sanitario ou o educativo e mesmo o económico ou industrial, ademais do territorial e urbanístico. E por tanto precisarán explicitar se tales seguen sendo os seus modelos para Galicia, ou son quén de formulacións políticas máis acaídas. A reflexión autocrítica non é común nas organizacións de poder, pero si a nova dirección popular é quen de construíren un discurso político anovado, iso terá gañado o país. Agardemos pois os seus diagnósticos e os remedios que para tal propoñen. Logo, nun ano, eleccións municipais. É dicir, nós.