¿IMAXINAN que ocorrería se despois do discurso do xeneral Mena se producisen declaracións ou aparecesen notas de prensa de xefes militares con argumentos coincidentes sobre o proxecto de Estatut? ¿Se houbera pronunciamentos públicos similares por parte doutros militares ou de sectores políticos importantes? Si, calquera que teña máis de trinta anos coñece o significado desa reacción militar encadeada. Sábeo por experiencia vivida e calquera que estudara, mesmo por riba, a historia española en ensino medio debera de sabelo tamén. Hai un tema recorrente en todos os programas e manuais -mesmo a pesar das para algúns terríbeis diferenzas curriculares autonómicas- que se chama militarismo e que ademais constitúe adoito materia de exame na selectividade. Por iso son tan graves as comprensivas declaracións que, en relación coas palabras do xeneral, realizou o mesmo día en quente o responsábel de comunicación do PP. Non porque comprenderan ao xeneral Mena ou porque aludiran a un estado de ánimo. Senón porque coa historia das relacións entre militares e política na España contemporánea, calquera reacción que non sexa de mecánico rexeitamento significa unha desagradábel comprensión que a historia coñecida converte en perigosa. De feito, a reacción da maioría foi coherente co recordo do pasado. Ninguén se tomou a beneficio de inventario as palabras dun xeneral que de súpeto, no comezo do ano natural e antes da reincorporación definitiva ao ano político, revolveron o ambiente político con vellas pantasmas. O incidente verbal, no que leva andado -e seguro que andará moito máis- move a dúas conclusións. Por unha banda confirma o lento decorrer da historia e o preto que estamos aínda dun pasado ben diferente ao presente, no que as liberdades e a democracia eran unha ilusión precisamente porque algúns militares impuxeron o seu criterio como solución ás disputas políticas. Polo que sabemos da socioloxía militar predemocrática, á que en razón da idade pertence o señor xeneral, discutir ou opinar sobre proxectos de lei desde o mando de unidades militares é como opinar coa forza das armas sobre a mesa. Na transición decidiuse que os mandos militares non podían ter autonomía nin expresar opinións políticas e co tempo que pasou críamonos vacinados contra calquera caste de militarismo. As palabras do xeneral, que non son recordo senón presente, descóbrennos que non somos inmunes. A outra conclusión é que para dar lugar a esta inopinada e extraordinaria valoración política pública dun alto mando militar, alguén debeu crear as condicións oportunas. Non sei se foi o propio e ultrapatriota ministro de defensa, se responde ao clima creado polo principal partido desta oposición apocalíptica e manifestante ou se foron os conversos publicistas desa coalición editorial e radiofónica que uns aproveitamos como humoristas e outros adoran como látego de infieis. Hai unha carreira para interpretar a actual constitución á que este militar quixo sumarse tamén. Bendeitamos que haxa tantas interpretacións da Constitución como catedráticos de dereito constitucional e tantas como partidos políticos. Non necesitamos máis.