Protexida polos gardacostas
A TELEVISIÓN galega comentou hai xa un tempo unha noticia que sorprendeu a máis dun: unha famosa cantante chegaba a un aeroporto galego protexida polos gardacostas... Non podía comprender un daqueles incrédulos que escoitaban o telexornal que os encargados de velar pola seguridade das nosas costas mariñas estivesen (¿quizais coas lanchas?) protexendo (¿de que?) á famosa estrela da canción. Tras uns segundos de desconcerto, chegou a solución do dilema que se lle presentaba. O contexto foi clave. Os cantantes, como os políticos, como os empresarios... teñen quen lles garde as costas, isto é, quen os protexa e coide a súa integridade física. Whitney Houston, nunha coñecida película, tiña a Kevin Costner como gardacostas, un gardacostas do que namoraba e que finalmente deu o nome ao filme en galego: O gardacostas.A palabra composta xorde da unión do verbo gardar e o substantivo costas (sempre en plural), que na lingua galega ten o significado de 'parte posterior do corpo humano que vai dos ombreiros ata a zona das cadeiras'; son sinónimos lombo ou costado, cando se refire á parte do corpo: Levaba a mochila nas costa; Levaba a mochila ao lombo. Noutros casos cómpre falar só de costas para designar a parte posterior dunha prenda de vestir (A chaqueta tiña as costas de coiro), ou do estilo de natación (Gañou os cen metros costas). Parece claro, despois do explicado, que a forma espalda constitúe un castelanismo en galego, de aí que expresións tan comúns en español como a espaldas de, dar a espalda a [alguien] teñan outra solución na nosa lingua. O Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega propón substituír o primeiro exemplo (a espaldas de) por ás agachadas, ás escondidas, ás escondedelas; e o segundo (dar a espalda), por virarlle as costas. Non existe tampouco en galego *espaldarazo (mellor, lombeirazo ou recoñecemento, segundo o contexto) nin *espalderas ou *espaldeiras (a forma galega é espaleira). Non deben desconcertarse aqueles que crean que a palabra gardacostas só ten ese significado en galego. Por suposto, son gardacostas tamén aquelas 'persoas destinadas nun barco á defensa do litoral' e chámase así ademais ao 'barco destinado á defensa, á vixilancia e ao coidado do litoral' (Un gardacostas perseguía as lanchas dos contrabandistas). Parece que, polo menos neste sentido, o galego está ben protexido.