CANDO en España se celebraron con gran alarde publicitario os 25 anos de paz da ditadura franquista, un médico da Coruña, Pablo Uriel, decidiu escribir as experiencias vividas durante a Guerra Civil para que os seus fillos comprendesen o prezo de terror que se pagou por aquela paz, e o sufrimento e a miseria que se ocultaban tras ela. En 1975, como regalo de aniversario, a familia editou un único exemplar daquelas páxinas. En 1987 o libro apareceu avalado por un prólogo do gran hispanista e historiador Ian Gibson que cualifica a obra de «admirable», destacando a súa fonda calidade humana, o dramatismo, a sobriedade da expresión e a postura imparcial do autor. Polo que se refire ao relato da represión na zona franquista, Gibson pon o libro de Pablo Uriel ao mesmo nivel de obras tan destacadas como o Testamento español de Arthur Koestler. Agora, baixo o título de No se fusila en domingo, publícase na editorial Pretextos, con algúns apéndices de cartas e fotos. O autor, Pablo Uriel, morto en 1990, pertencía a unha familia de ideoloxía republicana que por azares da guerra ficou en zona franquista. Un dos irmáns foi fusilado nos primeiros momentos do levantamento militar e Pablo Uriel pasou varios meses nos cárceres franquistas baixo a ameaza dun paseo do que finalmente se librou. Como médico militar participou na batalla de Belchite e alí foi feito prisioneiro polos republicanos, aos que consideraba os seus amigos e que o mantiveron na cadea ata o fin da guerra. Coas experiencias sedimentadas ao longo de anos e cun evidente talento narrativo, Pablo Uriel escribiu un libro excepcional, que une o interese histórico dun testemuño de primeira man ao suspense dunha novela de aventuras. Pese aos moitos sufrimentos e decepcións vividas, hai un fondo de optimismo na súa visión do mundo. Penso que a clave está nas palabras da dedicatoria: «A Cecilia, mi mujer. Nuestra convivencia puso el bálsamo adecuado sobre las viejas heridas de la guerra».