É CHEGAR o Nadal e empezar a escoitar innumerables expresións que teñen en común mitigar os efectos, a estas alturas aínda non palpables, dos excesos destas datas. En realidade, xa andamos todos especialmente sensibles co do tabaco, como para privarnos tamén da comida, pero mal que nos pese, é cada vez máis común ver á xente comer entre chiscos, liscos e beliscos. Ninguén quere pasarse unha chisca. Hoxe prima o frugal fronte a tempos de bacanal nas ceas e comidas destas festas. Quizais vivamos nunha época de control excesivo, nin tabaco (aceptámolo), nin exceso de bebida (hai quen afirma que só mollará os labios) e de comida. Cada vez que un cea en familia escoita iso de: «Non, non quero máis ca un anaco de turrón»; «Dáme só un belisco de torta»; «Non, a min bótame nada máis que unha lisca de carne»; «Pásame un chisquiño de xamón». Sexa pose ou non, o certo é que cada vez estamos máis afeitos a falar da comida e da bebida con termos cuxo significado están relacionados co diminuto, o pequeno, a porción. Entre as formas galegas que máis se empregan para expresar o sentido de 'porción pequena que se toma de algo' destaca por moi usada o substantivo chisco. O chisco aplícase, ademais, en distintos contextos: tanto para indicar o espazo breve de tempo (Agarda un chisco a que remate a explicación) como para referirse ao cacho moi pequeno que se toma de algo (Un chisco de pan; un chisco de viño). Son sinónimos o feminino chisca -equivalente ao castelán *pizca- (Bótalle unha chisca de sal á comida), pero tamén belisco, co significado de 'cantidade pequena' (Un belisco de pastel). Os dicionarios recollen así mesmo biscato, faragulla (non só as do pan), miga, migalla, mingalla... E cando falamos de carne conviven lisca e lisco ('tallada fina de carne'), xunto con lasca (Comeu unha lasca de touciño). Con todo, nalgunhas zonas existe a variante non estándar lesca, con este mesmo significado. Non hai que desbotar, por cotiás na lingua oral, outras formas que, aínda que non aparecen descritas nas obras lexicográficas, son comúns entre os galegofalantes: hai quen incorpora á súa linguaxe perresquiño ou perresquiña, con idéntico sentido (unha perresquiña de carne...), e nalgunhas zonas falan de ferrechiña (unha ferrechiña de viño...). Do que non cabe dúbida é da forza do diminutivo -iño que acompaña a todos estes termos, sen o cal, perdería valor a intención do significado. Alguén pode atribuílo a certo autoengano (empezar a poucos para encher finalmente o bandullo), pero a percepción é máis ben a contraria: moito autocontrol para non ter resaca nin indixestión. Con ou sen exceso, ¡bo apetito!