A MELANCOLÍA é unha bala, perdida. Hai individuos que se encontran con ela no último bar, cando o sol increpa e o CD do coche murmura un bolero entre violetas, durmidas. Soñando, talvez. Hai individuos adeptos á melancolía, enfermos crónicos que pasean baixo nubes tóxicas que non veñen das petroleiras de Londres, senón da soidade, que é máis tóxica que o petróleo. En Nadal estes individuos están máis tristes, máis peor. Algún cántame un tango (que veinte años no es nada) cos seus olliños ebrios, outro pinta con güisqui a miña alma. Nese instante, tan cómico, eu aproveito para sacudirme o odio e cuspir na cara de Arnold, gobernador de California. Rompo o cartel de Conan el bárbaro e dígolle que mo diga na rúa, cara a cara. Pero Arnold pasa de min, a el abóndalle con matar a un tipo malo que leva vintecinco anos no cárcere: la justicia de Bush es implacable (y ciega). Síntome derrotado porque a morte é unha maldita, veña de onde veña. Por iso esta noite prometo disfrazarme de chicobueno. Non doerme, non beber, non protestar. Só tirarme no asento do coche, no río, escoitando as balas da melancolía. Porque son desa clase de tipos que en Nadal, para vivir, olvida. Cantando boleros. Soñando, corazón. Soñando.