A fume de carozo

| SANDRA FAGINAS |

OPINIÓN

08 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

A FUME de carozo marcharon os compañeiros que iniciaron as minivacacións, os desexados días libres pola ponte da Constitución. Non hai expresión galega que mellor defina a rapidez, a velocidade impetuosa coa que moitos actuamos no cotián que esta. Escribo estas liñas a fume de carozo sabendo que a maioría dos galegos coñecen o seu significado e usan esta frase mesmo no castelán (Hizo el trabajo a fume de carozo). É certo que o carozo, do latín carudium, 'corazón da espiga do millo' arde rápido, sobre todo cando está ben seco. Os carozos empregábanse para facer as brasas da lareira -hai quen segue utilizándoos- e antigamente para quentar o ferro de pasar. Os carozos caracterízanse pola súa facilidade para arder e pola cantidade de fume que botan e que enseguida desaparece para deixar paso a unhas boas brasas que son menos duradeiras que as da leña. O fume de carozo é efémero. Ademais do corazón do millo, o carozo galego é 'a parte central das froitas que contén as sementes' (o carozo da mazá), acepción recollida tamén no español do occidente peninsular e de América. En galego, é habitual que ao carozo [das froitas] se lle denomine tamén carolo, cadrozo ou cadolo, dependendo das distintas variantes xeográficas. Pero se existen diferentes formas para o substantivo, só carozo é a palabra que aparece na frase coloquial (a fume de carozo), que segundo os dicionarios galegos ten o significado de 'de maneira moi apurada'. A fume de carozo remato, cunha copla popular: «Onde hai carozos, hai fume,/onde hai fume, lume hai,/ onde hai paseos de noite/forzas de cariño hai».