Terrorismo e petróleo

ISAAC DÍAZ PARDO

OPINIÓN

A CONFERENCIA de Barcelona non logrou acordo sobre a definición de terrorismo. Ten moita lóxica isto. Os EE.?UU., dentro de moitos intereses das nacións europeas, quixesen que se definise a ese terrorismo dos musulmáns que golpea ao mundo occidental e servise de modelo a combater. Mais os que están perto do mundo árabe din: os terroristas do islam poñen bombas e os norteamericanos as botan dende os avións..., os islamistas fan atentados e ás veces matan a xente inocente, o mesmo que fan os ianquis cos seus bombardeos indiscriminadamente sobre cidades. Algúns máis tontos que as patacas vellas din que os norteamericanos están no Iraq para levar a civilización e a democracia, e algúns islamistas, golpeados polas bombas dos ianquis, dirán: que metan no cu a súa civilización e a súa democracia. Os da costa norte do Mediterráneo saben que as grandes reservas de petróleo están no Oriente Medio e que se lles deixan aos musulmáns, o mundo occidental pode perder o control do suministro do petróleo e o negocio que supón o seu trafego. Por isto amamantaron a Israel e a prepararon cunha poderosa forza para que cumpra a función de garda vixiando esa zona, e aínda que os dous mil príncipes ben pagados de Arabia Saudí xa se encargan eles, pola conta que lles ten, de coidar esa gran reserva, calquer día poden perder aínda máis a moral para defendela, e aí estarían os de Israel armados até os dentes, para masacrar en calquer momento aos que fagan correr perigo esa gran reserva. Esta política militar viñérona practicando dende hai unha manchea de anos os ingleses (recórdese Musaddaq), mais os tempos cambian e a realidade do problema vai tomando conciencia en todos; nos donos do petróleo e nos que sofren a presión por telo nas súas entranas, sabendo que lles pertence. O petróleo ten que ver co 80% do benestar que disfroitamos. Aínda que algúns coidamos que máis ben o padecemos, pois se a vida millorou, o lixo medrou moito máis e se un día de pronto quedásemos sen petróleo, o lixo, os escombros e a chatarra invadiríannos até acabar con nós. Isto non vai suceder de pronto porque o mundo e as cousas son máis ben conservadoras, pero todo houbese podido ser menos crítico se non prevalecese esa tremenda ambición de arrasar para a casa con todo confiando na nosa forza en troques de desenvolver, tamén o petróleo, cun espíritu irmán de comerciar con honestidade. O erro dos que apoiaron ao clan Bush para invadir Iraq pode saírnos caro a todos. O clan Bush aférrase no seu empeño de non saír de Iraq até que fique segura a paz e a democracia (¿e o petróleo?), e non se dan conta de que á altura do tempo en que vivimos xa non son os tempos do sha de Persia. O mundo islámico xa non é o mesmo de hai 60 anos, e a guerra do Iraq serviu para despertar, e están pedíndolle que se retire de Iraq mentres a resistencia non afloxa, máis ben aumenta, en tanto o Irán parece que está entendendo millor os seus dereitos, e ambos unidos, non sabemos o que ía pasar coa Arabia Saudí. Os esforzos que fai o clan Bush por que non se lle vendan armas aos que teñen petróleo, para que cando o necesiten ir por el sen resistencia... E aínda temos no noso país algúns con grandísimas bandeiras roja y gualda , para disimular que teñen calzoncillos feitos con tea da bandeira norteamericana.