HABÍA UN político francés do século XIX, creo que era Léon Gambetta, que posuía un raro don: era ventrílocuo. Contan que a empregaba para confundir aos seus adversarios no Parlamento, facendo de verdade aquilo do que tanto se acusan uns políticos aos outros: de poñer nos seus labios palabras que eles non pronunciaran. Sempre pensei que esta era unha habilidade moi útil para un político, pero, que se saiba, Gambetta foi o único capaz de dicir cousas sen mover os labios. Todos os demais se caracterizan xustamente polo hábito contrario: o de mover os labios sen dicir nada. Lembrei esta historia a propósito da, ímoslle chamar, polémica que se desatou polas, ímoslles chamar declaracións de Zapatero no Cumio Euromediterráneo, cando un micro quedou aberto. ¿Que recolleu o micrófono sen querer? Vostedes xa o saben, porque levamos dous días escoitando a gravación en todos os medios. O que dixo Zapatero foi: «Sí, como sea» e «depende de lo que digan». Fin. E estas dúas frases, tan cheas de contido, de matices e implicacións, polo visto, seguen sendo analizadas a estas horas polos expertos para desentrañar quén sabe se unha mensaxe cabalística ou satánica, ou cando menos unha clave que permita entender o que de verdade pensa Zapatero. Existe un pouco esta idea de que o político, necesariamente, minte, e de aí esta curiosidade algo infantil por ver o que di cando cre que non o escoitan. É a mesma clase de curiosidade que carreta espectadores a programas como Gran hermano ou Cámara oculta . E a mesma crenza que fixo tan popular o concepto do subconsciente freudiano: a de que somos unha mentira que oculta unha verdade ou unha verdade que oculta unha mentira. Imaxino o que sería unha campaña electoral librada así, baixo a dirección de Freud, na que o lapsus se convertese na ideoloxía: «Manda huevos», en letras enormes, había ser o slogan do PP, e «Depende de lo que digan» ía ser o do PSOE. Aznar comezaría os seus mitins como rematou aquel discurso en Europa: «Voy a daros el coñazo»; Bono trataría abertamente de imbécil a Tony Blair, como fixo en certa ocasión; e Rajoy daría paso ás rodas de prensa coas palabras: «Preguntad, gilipollas», como fixo noutra. ¿Votaría moi distinto o noso subconsciente? Paréceme que non. Aínda que ao mellor si que ía aumentar algo o voto en branco.