NUN DOCUMENTO referido á ordenación de sacerdotes, o Papa actual non só ratifica a doctrina secular da Igrexa sobre a homosexualidade senón que a fai aínda máis intransixente e discriminatoria. A consideración de pecado grave para os actos homosexuais é unha cuestión de tradición, non de fe, e, dada a postura progresista do teólogo Ratzinger no Concilio Vaticano II, algúns católicos tiñan a esperanza de que algo daquela actitude asomase no papa Benedicto XVI. Parece que non é así. O documento, aínda non publicado, foi dado a coñecer pola axencia católica Adista. Na súa páxina de Internet resúmese así o contido: «Se un candidato pratica l'omosessualità o presenta tendenze omosessuali profondamente radicate, il suo direttore spirituale, così come il suo confessore, hanno il dovere di dissuaderlo, in coscienza, dal procedere verso l'Ordinazione». O documento de tres páxinas, con moitas notas para apoiar as afirmacións, reivindica o dereito da Igrexa a elexir aos que desexan ingresar no seminario. O sacerdocio non é un dereito dos cidadáns senón da Igrexa, que escolle, e que non está disposta a permitir a entrada a ningunha persoa con tendencias homosexuais. A pregunta que a un se lle ocorre é: ¿por que excluír por tendenciais sexuais, cando a función á que optan supón a represión de todo acto sexual? ¿Significa que a Igrexa está disposta a correr os riscos que implica un cura non casto heterosexual, pero non os dun cura non casto homosexual? San Pablo dixo (I Cor, 13) que a caridade é a primeira de entre todas as virtudes. A exclusión dos homosexuais do sacerdocio coido que é unha decisión contraria á xustiza, á caridade e á razón.