falar.ben@lavoz.es ... QUEREMOS turrón». Así comezaba (ou comeza) un dos máis famosos anuncios televisivos de turrón, ese doce feito de améndoas amasadas con mel de azucre, típico de Nadal. Hoxe, con todo, chamámoslle así a calquera forma de doce semellante: hai turróns de chocolate, turróns de coco, turróns de froitas... e turróns que persisten en odiar estas festas. Haberá quen non entenderá esta última frase se non coñece o significado que turrón ten no galego. Ademais do doce do que falabamos ao comezo, por turrón enténdese 'aquela persoa que porfía nas súas actitudes ou ideas ou aquela que non se avén a razóns'. É sinónimo de cabezán, testán, testalán, teimoso, teimudo, gurrón, testudo, cazurro. No entanto, o termo turrón ten no seu significado un matiz que o diferencia dos demais. A orixe deste adxectivo está no verbo turrar que en galego aparece definido nos dicionarios como 'golpear coa cabeza un animal cos cornos', e de aí 'facer forza sobre algo para movelo ou arrastralo contra un; tirar'. Tamén turrar ten a acepción de 'dar coa cabeza contra algo' (Turrou co cristal da fiestra). Ese matiz físico característico do verbo turrar (facer forza, golpear, arrastrar...) trasládase ao adxectivo, pois cando dicimos que alguén é un turrón ou unha turrona tamén podemos aplicalo se no seu movemento insiste con teimosía, ás veces con forza física, en ir, camiñar, dirixirse nunha determinada dirección (A miña filla de catorce meses é unha turrona; ten que ir sempre por onde ela quere). Figuradamente, úsase turrar co sentido de 'insistir moito, porfiar' (Estivo toda a tarde turra e turra ata que lle deixei ver a televisión). Por turrar hai ata quen turra da lingua, isto é, tira da lingua, fai falar a outro: Turroulle [da lingua] ata que lle contou o asunto da veciña. A estas alturas do ano, a pouco máis dun mes do Nadal, hai moitos turróns aos que se enfrontar: moito doce que comer e moito turrón que un ano máis persiste en recalcarnos que o Nadal é un encordio... «Turrón, turrón... queremos turrón».