A ORGANIZACIÓN Mundial da Saúde fixo unha estimación de 150 millóns de mortos se a gripe aviar pasa aos humanos e se converte nunha pandemia. Os optimistas de sempre saíron rapidamente ao paso de tal información dicindo que tales cálculos se tiñan feito sobre a gripe de 1918 cando non había antibióticos. Naturalmente, a OMS respondeu que non son parvos e que xa tiveran en conta ese feito; que os antibióticos non son o remedio idóneo e que se necesita unha vacina, que tardará en chegar. Ou sexa, un panorama negro, porque xa hai seres humanos contaxiados polo virus das aves. A todas estas, as nosas autoridades sanitarias apresuráronse a dicir que non hai que ser alarmistas, que o perigo está moi lonxe (en Turquía e Grecia, así de lonxe) e , sobre todo, que aquí está todo controlado. Cando se fai público que os principais países europeos teñen provisión de antivirais para un 20% da poboación, mentres que aquí só temos para un 5%, responden que a UE debe ser solidadaria e repartir os antivirais. Mais tarde, cando a UE recrimina a España por non ter previstas medidas contra a gripe, responden que España comprará antivirais para protexer ao 25% da poboación. ¡Que pensaban, que aquí nos iamos enrugar por millón de máis ou millón de menos de doses!... O malo é que chegarán no segundo semestre do 2007. A lamentable impresión é que imos unha vez máis a remolque das circunstancias. E que a imprevisión é unha constante na vida nacional, xa se trate de inundacións, de secas, de planos de ensino ou de leis sobre a inmigración. No fondo vese que somos un país fondamente relixioso que confía en que a divina Providencia amañará as cousas. Como sempre sucede nos momentos de desabastecemento de calquera producto, xa haberá quen teña feito provisión e ata acaparamento de antivirais. E non faltará quen comercie co medo e coa necesidade. Pero o mellor é non preocuparse, tal como recomendan os que non souberon previr. Se chega a gripe, que Deus nos colla confesados.