A CANDIDATA conservadora nas últimas eleccións alemás á xefatura do Goberno, Angela Merkel, está de actualidade estes días precisamente por terse convertido na gañadora oficial deses comicios. O feito de que unha muller chegue a ser por vez primeira xefa do Goberno alemán é noticia relevante a nivel internacional, pero tamén conleva unha pequena revolución desde o punto de vista lingüístico. ¿Como denominar ao cargo que vai desempeñar Merkel a partir de agora? A solución a esta cuestión depende da lingua na que nos manexemos. En galego chanceler significa 'empregado auxiliar das embaixadas, dos consulados, etcétera', 'alto funcionario ou ministro de determinados Estados', e 'xefe de goberno, nalgúns países'. Así, ata o de agora, falabamos do «chanceler alemán Schröder», do «ex chanceler Helmut Kohl» ou do «Chanceler de Ferro, Otto von Bismarck». En castelán, o substantivo canciller é común en canto ao xénero (el canciller, la canciller) , e así é utilizado normalmente, aínda que con Merkel no poder alemán aparecen intentos de introdución na lingua do feminino cancillera . Na web do Periódico de Catalunya podíase ler a propósito deste tema: «La futura cancillera, la cristianodemócrata Angela Merkel, no podrá gobernar con las mismas atribuciones que tuvieron sus antecesores en el cargo...». Incluso a Fundación del Español Urgente (Fundéu) recomenda usar a forma cancillera , que ten documentado uso sobre todo no español de América. O francés chancelier convértese no feminino chancelière cando falamos dunha muller como responsable do Goberno: «... la leader conservatrice est la nouvelle chancelière d'un gouvernement de grande coalition en Allemagne ». En galego, como en portugués, a única forma existente na actualidade é chanceler , que aparece utilizado tanto para o masculino como para o feminino (o chanceler, a chanceler): «En dita sesión, os deputados escollerán a xa designada chanceler», pero se atendemos á información dalgúns dicionarios -substantivo masculino- a única forma correcta na nosa lingua sería a masculina (Angela Merkel é o novo chanceler) . Con todo, hai xa quen se atreveu co feminino chancelera para referirse á alemá: «Se ben a maioría da xente considera probábel que Angela Merkel (CDU) sexa a próxima Chancelera...». Non parece problemático, senón moi eficaz, o uso do feminino en -a, chancelera . A lingua, como a sociedade, vai lenta nestes casos. Toda unha revolución a iniciada por Angela Merkel. falar.ben@lavoz.es