Nifrar cocaína

OPINIÓN

11 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

falar.ben@lavoz.es A SÚPER top Kate Moss é noticia estes días por ter aparecido nun vídeo consumindo cocaína en compañía do seu mozo e duns amigos e pola repercusión que este acto tivo na súa vida. Unha vez que esas imaxes saíron á luz na prensa, a modelo inglesa foi castigada polas firmas ás que representa (Chanel, H&M) por considerar o seu comportamento nada modélico. Kate Moss está temporalmente no paro por nifrar cocaína, por nifrar cocaína en privado, por nifrar cocaína en privado e facerse público. O emprego do verbo galego nifrar é de uso común para se referir en sentido estrito á acción que a modelo inglesa leva a cabo no vídeo que estes días anda a aparecer en todas as televisións, isto é, 'inhalar certos produtos estimulantes ou alucinóxenos a través do nariz'. Neste caso, Kate nifra cocaína. A orixe deste verbo é onomatopeica e dá conta do ruído que se fai ao sorber unha substancia polo orificio nasal. En realidade, a forma nifrar designa a acción de 'sorber os mocos', ao igual que o verbo inglés sniff , do que procede o castelán esnifar . A frase stop sniffing! ten, de feito, o significado literal de '¡deixa de sorber os mocos!'. Pero ao igual que o galego nifrar , o verbo inglés sniff é utilizado xunto co substantivo drugs -sniff drugs- para designar a acción de 'sorber ou inhalar un produto estimulante polo nariz', tal e como se recollía na prensa a propósito do vídeo da modelo: «The images showed her allegedly sniffing cocaine in a west-London recording studio...» . Non deixa de ser curioso que mentres os galegos empregamos o verbo nifrar con este sentido, os nosos irmáns portugueses utilicen un moi coñecido para nós, que entra tamén polo nariz: cheirar . Estes días podíase ler nos xornais portugueses que a modelo aparecía nunhas fotos «cheirando cocaína», pois, a diferenza da nosa lingua, o verbo portugués cheirar significa 'introducir polo nariz unha substancia' (rapé, cocaína, cânfora...). Ademais dos dous significados que gardan relación entre si (sorber os mocos e aspirar polo nariz unha droga), en galego nifrar é 'chorar con frecuencia e sen motivo', choromicar, fungar, choricar, e de aí é usado figuradamente co sentido de 'protestar' (Deixa de nifrar e recolle o teu cuarto; Non nifres máis e acaba de comer). Dise que alguén é un nifroso(a) ou un nifrón(ona) cando é un choricas, un choromiqueiro, un laión. Pero só o primeiro, nifroso , é aplicable á persoa que 'sorbe os mocos' ou que 'aspira unha substancia polo nariz'. É o caso da nifrosa Kate, da que acabo de ler que H&M decidiu darlle unha segunda oportunidade.