«Muller, negra e cochaina»

| SANDRA FAGINAS |

OPINIÓN

06 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

falar.ben@lavoz.es FALABA o outro día un grupo de mulleres sobre as desigualdades entre os seres humanos. Unha delas comentaba que era evidente que neste mundo era peor nacer muller que home. Outra engadiu que aínda peor era nacer muller e negra. A terceira, sentenciou: «O colmo deste mundo é nacer muller, negra e cochaina». Non pensen mal aqueles que levados pola imaxinación lingüística sexan capaces de relacionar a palabra cochaina coa familia dos mamíferos paquidermos de cabeza rematada nun fociño cilíndrico. Non falaban de porcos esas mulleres. En realidade facían referencia a unha particularidade dalgunhas persoas que ao longo dos séculos foi condenada. En galego, chámaselle cochaino(a) a aquel que usa preferentemente a man esquerda, isto é, un zurdo(a). Durante moito tempo crenzas e falsos mitos levaron a pensar que aquelas persoas que teñen unha dominancia do hemisferio dereito estaban posuídas polo demo, ou cando menos, eran sospeitosas dalgunha influencia malévola. Os zurdos eran a excepción, os raros, aínda que na actualidade hai estatísticas que afirman que polo menos unha persoa entre dez é zurda. Palabra esta tamén rara se atendemos a súa orixe prerromana, que algúns historiadores atribúen ao éuscaro ao igual que o substantivo esquerda. De esquerda derivaron na nosa lingua esquerdeiro e esquerdo, adxectivos ambos sinónimos de zurdo. Son varias as posibilidades que ofrece o idioma para designar ás persoas que teñen tendencia a usar a man sinistra . Xunto con zurdo, esquerdeiro, esquerdo e cochaino, o galego conta con outras dúas formas: manicho e xergo. Así que cando se fala das xergas non sempre se está a referir un ás 'linguas particulares dun grupo social concreto', as mulleres xergas son aquelas que empregan a man ou o pé esquerdo. O adxectivo galego manicho está relacionado co italiano mancino , que dá boa conta da visión que se ten dos zurdos noutras linguas, pois mancino ten tamén o significado de 'falso'. Ou o portugués canhoto que, ademais de 'esquerdeiro', vén definido no dicionario como 'inhábil', 'desaxeitado' e incluso pode equivaler aos termos portugueses demónio e diabo ; como o sinister latino ('sinistro')... Moitas son as dificultades que teñen hoxe os zurdos, a vida non está pensada para eles (os coches, as tesoiras, as cadeiras de brazo das aulas...). Excepto para os que lles dan zurdazos ao balón. Se es zurdo e home dedícate ao fútbol. As mulleres témolo sempre peor.