Muro

| MIGUEL-ANXO MURADO |

OPINIÓN

O VALADO non funcionará. Non importa canto se levante ou cantas cercas máis se poñan (onte dixeron que ían instalar «a terceira». En realidade, trátase da cuarta). É unha lei física: a maior diferencia de líquido entre dous vasos comunicantes, maior presión para igualarse. Tan só se logrará aumentar a violencia do choque. Pero tampouco o resolverá a axuda internacional. Isto é o que dicimos os que non queremos ser cómplices da fronteira (da de Melilla, logo cada quen temos outras nas nosas casas, nas nosas vidas, bastante máis infranqueables). «Axudar aos africanos en África para que non teñan que vir», proclamamos. Parece simple, e soa mellor que unha fronteira militarizada. Pero tamén é un engano. Axudar a África está ben e, de feito, estámolo facendo xa, máis do que moitos pensan. Pero non funciona. Non sabemos moi ben por que, pero a cooperación internacional non resulta. Está a corrupción dos gobernos locais, si, e a falta de compromiso dos nosos, claro, pero hai máis: simplemente non temos unha idea clara de como facelo. Porque axudar é moi difícil, como cando, na nosa vida cotiá, intentamos socorrer a un amigo e moitas veces acabamos empeorando as cousas. Temos que seguir intentándoo, certamente; pero de momento, aceptémolo: a cousa non vai. Ou vai dun xeito que non queremos. Por exemplo: a axuda internacional provoca máis emigración, non menos. Despois de todo, é lóxico. Sabémolo de sobra en Galicia, onde a despoboación das provincias interiores seguiu perfectamente a liña das dúas estradas nacionais e o desenvolvemento do tráfico marítimo foi o que facilitou a marcha a América. O desenrolo anima á xente a marchar, porque proporciona a información e eses mínimos posibles que permiten emprender unha viaxe. Non son «os pobres dos máis pobres» quen esperarán esta noite fronte ó valado de Ceuta senón, en realidade, os máis «ricos» de entre os máis pobres, e aínda así tan pobres que calquera traballo aquí será unha mellora. ¿Qué solución ten, pois, este problema? Pode que ningunha. Así que eles seguirán intentando saltar o valado e nós seguiremos intentando impedilo para manter a lóxica da lei, mentres falamos de axudar a África. Porque as forzas que nos moven a uns e outros son demasiado poderosas: a eles a esperanza de mellorar, a nós a utopía de sentirnos seguros e á vez ser inocentes. E entre as dúas, un muro, tan difícil de saltar nunha dirección como na outra.